18-F

As sondaxes apuntan a unha batalla entre Rueda e Pontón pola Presidencia da Xunta

O CIS cifra en máis de 420.000 o número de persoas indecisas.

carteiss_01
photo_camera Taboleiro electoral nas rúas de Compostela. (Foto: Arxina).

A campaña electoral entra na súa semana decisiva con todos os escenarios abertos. Neste sentido, a sondaxe divulgada esta segunda feira polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), cunha mostra de 3.945 entrevistas, a máis representativa das publicadas, sitúa o PP entre 34 e 38 escanos, o BNG entre  24 e 31, o PSdeG entre 9 e 14, Sumar entre 0 e 2, Vox entre 0 e 1 e Democracia Ourensá (DO) tamén entre 0 e 1.

Nunha dirección, semellante o estudo de Sociométrica, para El Español, coloca o PP entre 37 e 39, o BNG entre 24 e 25, o PSdeG entre 11 e 12 e DO entre 0 e 1. Por último, o barómetro elaborado por EM-Analytics para Nós Diario e publicado esta segunda feira deixa o PP en 38 escanos, a decimas de perder 2, o BNG en 23, o PSdeG en 13 e DO en 1. EM-Analytics daba onte os últimos escanos da Coruña e Pontevedra ao PP, a escasas décimas de arrebatarllos o BNG.

A totalidade dos estudos publicados onte coinciden nas grandes tendencias, máis alá do alcance de cada unha delas. Así, o PP sitúase á baixa desde o comezo da campaña, deixándose nalgunha, como a do CIS, 5,7 puntos en relación aos comicios de 2020. Neste mesmo traballo, o BNG incrementa a súa intención de voto no mesmo período en 9,7 puntos, marcando unha tendencia á alza común a todas as sondaxes. Asemade, o PSdeG fica á baixa, cifrando o CIS a súa caída en 1,2 puntos. EM-Analytics dálle unha caída ao PP de 2,6 puntos, ao BNG unha suba de 6,9  e ao PSdeG unha baixa de 2,5.

Os estudos do CIS, Sociométrica e EM-Analytics deixan o PP por baixo de 45,8%, a porcentaxe de sufraxios coa que perdeu a maioría absoluta en 2005. A dispersión do voto na esquerda podería favorecer o PP, dado que ningunha das sondaxes garante a presenza de Sumar e Podemos na Cámara galega, o que significaría, que arredor de 4% do electorado que opta por estas opcións ficarían sen representación no Parlamento.

A batalla polos indecisos

A enquisa do CIS cifra a porcentaxe do electorado indeciso en 19%, o que significa que 420.000 persoas aínda non decidiron o seu sentido de voto. Neste liña, o traballo de onte do instituto público apunta a que decide o seu voto na última semana da campaña 17,7% da poboación, 4,4% na xornada de reflexión e 7,4% na propia xornada electoral. A este respecto, unha das liñas de traballo das formacións electorais até o día dos comicios vai ser decantar a este segmento do corpo electoral, nun contexto de bipolarización entre PP e BNG.

Comentarios