28-M

Pontón e Lourenzo anuncian para o 28-M "un novo Soutomaior"

A líder do BNG arroupou o candidato á Alcaldía.
Acto do BNG en Soutomaio esta segunda feira (Foto: Nós Diario).
photo_camera Acto do BNG en Soutomaio esta segunda feira (Foto: Nós Diario).

A partir do 28 de maio empezarase a construír un "Soutomaior novo", o que "merecemos", e que será "a envexa do país". Así se manifestaron onte no mitin central das eleccións municipais neste concello da comarca de Vigo o candidato nacionalista á Alcaldía, Manuel Lourenzo, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ante numerosos asistentes a este acto. 

Con Manuel Lourenzo e a candidatura que el encabeza Soutomaior gaña un Goberno que "leva o seu concello e a súa veciñanza no corazón”, dixo Pontón.  A líder nacionalista salientou que estes comicios serán o punto de partida para construír un Soutomaior "da man de toda a xente que ten claro que Soutomaior merece moito máis”.

Pola súa parte, Lourenzo asegurou que “este proxecto vai de toda a veciñanza que é consciente do inmenso potencial de Soutomaior e que non se resigna a que sexamos o Concello máis pobre da ría. Imos cambiar iso, e converteremos Soutomaior na envexa de todo o país”.

O candidato do BNG explicou que “todos compartimos un proxecto común, o de darlle o futuro a esta vila que merece e que merecen os nosos fillos e fillas. Todos xuntos, traballando man con man e con Soutomaior no corazón, ímolo conseguir”.

A Coruña e Narón

Pontón comezou a xornada de onte en Narón, onde acompañou a candidata nacionalista  á Alcaldía, Olaia Ledo. Alí mantiveron unha xuntanza con varios colectivos para falar de políticas de empredemento e emprego. A seguinte parada foi A Coruña, onde a portavoz nacional se reuniu con creadores e creadoras de contidos en galego. "Fronte a un Partido Popular convertido nun terminator do galego, os concellos BNG serán axentes activos da normalización do uso do galego en todos os ámbitos", afirmou, nun acto no que tamén estivo o candidato nacionalista á Alcaldía, Francisco Jorquera.

Comentarios