28-M

O BNG escolle Compostela para dar inicio á campaña da man de Ana Pontón e Goretti Sanmartín

“Os gobernos BNG transforman en positivo mellorando a  vida das persoas; xestionan con eficacia e con transparencia; aportan solucións de vangarda aos grandes retos que temos encima da mesa, poñen en marcha concellos inclusivos, feministas, igualitarios e profundamente democráticos e alí pon en marcha concellos dinámicos no económico, no social, no cultural e profundamente orgullosos da súa identidade”, sintetizou Pontón.
Inicio da campaña electoral por parte do BNG en Santiago (Foto: BNG)
photo_camera Inicio da campaña electoral por parte do BNG en Santiago (Foto: BNG)

O BNG escolleu Santiago de Compostela para a apertura da campaña nun mitin na Praza do Toural na cal a portavoz nacional da formación proclamou que “Galiza precisa máis BNG nos concellos para construír un país de futuro”, para estender por vilas e cidades un modelo municipal de éxito que transforma en positivo, mellora a vida das persoas e converte municipios antes decadentes en referentes dentro e fora do país.

Unha cita coas urnas do 28-M na cal Pontón augurou un resultado histórico para o Bloque, prognóstico que a líder nacionalista sustenta en tres grandes fortalezas: compromiso dos e das candidatas, a corrente de simpatía cara ao BNG e o aval do traballo feito polos gobernos municipais.

“A primeira fortaleza son unhas candidaturas extraordinarias de homes e mulleres comprometidas cos seus municipios, coas súas vilas e cidades que van dar o mellor de si mesmas para empezar a construír unha nova Galiza, concello a concello”, indicou. “A segunda fortaleza é unha corrente de simpatía cara ao BNG que non deixa de medrar e que comparten cada vez máis galegos e galegas que ven en nós a alternativa real fronte ao de sempre”, argumentou.

E como terceira fortaleza o modelo municipal do Bloque, “sinónimo de prestixio, de bo facer, de calidade e nese modelo temos o mellor dos avais para presentarnos ante a cidadanía para pedirlle o seu apoio o 28 de maio, porque alí onde gobernamos os concellos avanzan, progresan”, destacou a portavoz nacional.

No acto de  apertura de campaña, na compostelá Praza do Toural, Pontón arrincou a súa intervención proclamando que Goretti Sanmartín será a próxima alcaldesa de Santiago.

"Profundo cambio"

“Estou convencida de que vai haber un profundo cambio que levará a que a cidade teña, por primeira vez na súa historia,  unha alcaldesa, unha muller que leva Compostela na cabeza e no corazón e que coa forza da razón e do corazón vai abrir un tempo novo nesta cidade, pensando Santiago en grande”, salientou.

Pontón destacou de Sanmartín que ten proxecto estratéxico, equipo e liderado para construír unha Compostela en grande. “Será unha excelente alcaldesa, coas mans libres para defender os intereses de Santiago e da veciñanza, sen pedirlle permiso a ninguén para reclamar o que é xusto para a veciñanza,  sen medo a molestar nin a Moncloa nin a San Caetano”, recalcou.

Pontón salientou que o avance do BNG en Santiago é “imparábel”, igual que o é no resto do país e que a formación que lidera vai ser a  forza que máis suba o 28 de maio ao tempo que puxo en valor o modelo municipal do Bloque.

“Os gobernos BNG transforman en positivo mellorando a  vida das persoas; xestionan con eficacia e con transparencia; aportan solucións de vangarda aos grandes retos que temos encima da mesa, poñen en marcha concellos inclusivos, feministas, igualitarios e profundamente democráticos e alí pon en marcha concellos dinámicos no económico, no social, no cultural e profundamente orgullosos da súa identidade”, sintetizou.

“O BNG está nun gran momento, no mellor da súa historia. Fronte a un PP que representa o pasado, un proxecto esgotado, sen ideas e sen impulso, o BNG representa o porvir,  a nova Galiza que xa estamos construíndo colectivamente concello a concello. Estou convencida de que estas eleccións municipais van supoñer un grande salto adiante para o BNG”,  concluíu.

Pola súa parte, a candidata á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, destacou que o BNG de Compostela “vai ter un resultado histórico este 28-M e faremos realidade conseguir o apoio necesario para gobernar desde a Alcaldía e mudar o gris que envolve o concello nun arco da vella de cores de compromiso e de transformación”.

A candidata lanzou unha mensaxe para convidar a participar intensamente na campaña, asistindo aos actos, falando con amizades e veciñanza e animando a conseguir apoios. “Este é o momento do BNG, unha xanela de oportunidade para reverter as políticas pensadas só para quen nos visita e para camiñar a favor dos barrios e parroquias, para recuperarmos o orgullo de ser de Compostela, porque Santiago merece máis”, indicou.

Comentarios