Pontón enche o Auditorio de Ferrol e pide unir o voto "que quere cambio"

Pide concentrar o voto do cambio no BNG, porque unha presa de votos poden decidir "se o próximo presidente leva por apelido Rueda ou se hai unha presidenta que se apelida Pontón", proclamou.
Ana Pontón encheu o Auditorio de Ferrol
photo_camera Ana Pontón encheu o Auditorio de Ferrol

"Da igual o que votaran noutras ocasións, este é o momento de que todas as persoas que queren cambio e queren abrir un tempo novo na Galiza aposten todo á papeleta do BNG", proclamou a  candidata á Presidencia, Ana Pontón, no mitin de Ferrol, convencida de que o Bloque é a menos dunha semanas das cita coas urnas a forza que representa "a esperanza para todos os galegos e galegas que queren unha Galiza mellor".

Nun auditorio ateigado, a candidata á Presidencia destacou a corrente de ilusión e de esperanza que se está concentrando arredor do BNG para a partir do 18-F empezar a construír "a Galiza que queremos e que soñamos". Unha corrente de cambio dixo, que se sinte na rúa, e que medra día a día. Por iso, apelou, "é importante que ningún voto do cambio quede na casa, que ningún voto do cambio se perda o próximo domingo", remarcando que ese día o futuro de Galiza pode decidirse por uns poucos votos.

"O 18-F unha presa de votos poden decidir se seguimos cun presidente que se apelida Rueda ou se a Galiza ten unha nova presidenta que se apelida Pontón", afirmou, para subliñar a continuación a importancia da participación masiva e de que o voto se concentre no BNG como "a opción de cambio".

Pontón dirixiuse á maioría social que quere pasar a páxina da Galiza gris e en pequeno que deixa o PP, que xa demostrou que "non ten nin proxecto,  nin ideas nin ilusión polo País". "Desde a humildade, pídolle que me permitan ser a súa presidenta e poñer en marcha unha Galiza mellor", apuntou apelando a toda a xente que está esperanzada co cambio. 

 

"Este 18 de febreiro podemos facer historia e ter por primeira vez a unha muller presidenta", declarou, con capacidade, ambición e proxecto para abrir un tempo novo que deixe atrás a Galiza en pequeno de quince anos de Partido Popular. 

"Quero ser a presidenta dos galegos e das galegas para defender a sanidade pública, para poñer en marcha un novo modelo de coidados no que as persoas maiores poidan desfrutar desa etapa da vida  nas súa casa; para darlle oportunidades á xente nova para que teña futuro aquí e non se vexa na obriga de emigrar e para seguir construíndo unha Galiza que aposte pola igualdade e polo feminismo", destacou no mitin, no que tamén interveu o candidato pola comarca, Ramón Fernández Alfonzo, e a candidata Sandra Permui.

Pontón afirmou que o que están reflectindo as enquisas electorais é  un escenario aberto e que o resultado dependerá de que ese 20% de persoas indecisas "collan a papeleta do BNG". "Se toda a xente que quere cambio une o seu voto no BNG, o 18F o PP pasa á oposición e imos ter unha presidenta que vai traballar para darlle un futuro mellor aos galegos é as galegas", incidiu.

Neste sentido, lembrou que nas pasadas eleccións xerais había moitas enquisas que situaban a Núñez Feixoo "sentado na Moncloa pero está na oposición", polo que advertiu que na Galiza "hai partido" e insistiu en que o reto é "transformar as ganas de cambio en votos, unindo na papeleta do BNG a todas as persoas que queren ese cambio". "Animo a que toda a xente que quere que este País teña un goberno mellor, o 18 de febreiro o aposte todo á papeleta do BNG porque é a que garante que imos abrir un tempo novo", apelou.

 

Rueda escóndese dos debates

A candidata nacionalista retou de novo ao PP a que "deixe de esconder ao seu candidato" nos debates electorais e a Alfonso Rueda a acudir aos mesmos porque estes son "un dereito da cidadanía". "O señor Rueda non lle está dando plantón ao BNG ou aos medios, estalle dando plantón aos galegos e ás galegas", indicou, recalcando que "en democracia, quen non debate, non respecta á cidadanía".

Pontón confirmou de novo a súa asistencia tanto ao debate convocado por TVE como ao cara a cara proposto pola Cadena Ser entre o presidente da xunta e a líder da oposición.

Nesta liña, atribuíu as "escusas para non acudir a debater" tanto do Partido Popular como de Rueda a que sabe que a xestión de quince anos de goberno do PP é nefasta e deixa unha Galiza peor da que atopou. "Un candidato ausente demostra que non está preparado nin para defender o futuro dun país nin para poñer nas súas mans o futuro dun país". 

Comentarios