18-F | BARÓMETRO PARA NÓS DIARIO

Barómetro de EM-Analytics (11 de febreiro): o BNG roza o 30% fronte a un PP á baixa

A entrega deste domingo do barómetro elaborado por EM-Analytics para 'Nós Diario' mantén o BNG na súa liña ascendente e ao borde de alcanzar o 30% de intención de voto, fronte a un Partido Popular que volve perder medio punto na última xornada. Así e todo, o reparto de escanos por formación política permanece fixo, con Sumar, Podemos e Vóx fóra do Parlamento galego. Até o día 12, cada día unha nova entrega do 'tracking' electoral de EM-Analytics.
Evolución do tracking diario de EM-Analytics até o 11 de febreiro.
photo_camera Evolución do tracking diario de EM-Analytics até o 11 de febreiro.

Superado o ecuador da campaña electoral de cara ao vindeiro 18-F, e a falta de sete días exactos para os comicios, a última entrega do barómetro diario do Instituto Demoscópico EM-Analytics en exclusiva para Nós Diario sitúa o Partido Popular con 45,2% de intención de voto, medio punto menos que a xornada anterior, cando rexistrou un 45,7%. Esta porcentaxe, non obstante, outórgalle as mesmas 38 actas que no barómetro do 10 de febreiro. 

Desta maneira, o partido que encabeza Alfonso Rueda perde, con respecto ás eleccións galegas decorridas en 2020, o 2,8% dos seus votos, que se traduce na perda tamén de catro escanos.


Pola súa parte, o Bloque Nacionalista Galego sitúase a piques de rachar a barreira do 30%. Con 29,7%, a formación que lidera Ana Pontón obtén 23 actas e acumula un incremento de 5,9% con respecto ás eleccións de 2020, o que representa unha suma de catro escanos máis para o BNG. A candidatura de Pontón é a única que incrementa a súa intención de voto nesta entrega.

En terceira posición sitúase o Partido dos Socialistas de Galicia, con 17% do voto e 13 escanos. Desta maneira, os de José Ramón Gómez Besteiro perderían unha acta e 2,4% dos votos con respecto a 2020.

A outra forza que se entra no Parlamento galego é Democracia Ourensá, mantendo a intención de voto en 0,8% en todo o país e 6,4% na circunscrición de Ourense, a única pola que se presenta e que daría asento a Armando Oxea

Volven ficar fóra da Cámara galega Sumar, con 3,3%, Vox, con 2,2% e Podemos, con 0,7%. 

Até o 12 de febreiro, cada día unha nova entrega do 'tracking' electoral de EM-Analytics.

Ficha técnica

Universo: persoas con dereito a voto na Galiza. / Ámbito: Galiza / Cotas por escala ideolóxica, idade, sexo, renda, ocupación, territorio, formación e interese na política, segundo a distribución do censo electoral. / Tamaño da mostra: 1.400 enquisas satisfactorias. / Procedemento de recollida de información: Modelo híbrido. Entrevista online, asistida por ordenador con cuestionario intelixente estruturado CAWI. Reforzo de mostra en Lugo e Ourense con entrevistas telefónicas a fixos e móbiles, asistidas por sistema CATI. / Marxe de erro: 2,62% (N-1.400) para un grao de confianza do 95% (dous sigmas) e na hipótese de P=Q=0,5. / Duración do cuestionario: 4-5 minutos. / Datas do traballo de campo: Inicio do tracking: 1 de xaneiro. Mostra engadida: 9 e 10 de febreiro de 2024. / Número de supervisores: 3. / Responsábeis da análise: Rodrigo Panero e Miguel Díaz. / Instituto: EM-Analytics.com.

Comentarios