Sesión de control

Pontón cifra en 2.300 millóns os recortes en Primaria e Rueda acúsaa de "politizar"

A situación da sanidade na Galiza xa marcaba unha parte significativa das sesións de control ao presidente no Parlamento antes do 12 de febreiro, data da multitudinaria manifestación en Compostela contra a política sanitaria da Xunta, e marca claramente as que decorreron até agora. Tamén esta cuarta feira, cando Alfonso Rueda elevou o ton e acusou o BNG e o PSdeG de buscar "afundir o barco da sanidade pública" e o Goberno español de ter unha "estratexia de desgaste" cara ao seu Executivo.
Afonso Rueda, Ana Pontón e Luís Álvarez volveron debater no pleno a respecto da situación da sanidade. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Afonso Rueda, Ana Pontón e Luís Álvarez volveron debater no pleno a respecto da situación da sanidade. (Foto: Nós Diario)

Había confianza en San Caetano en que, co paso dos días, o eco da protesta na capital galega contra a súa política en sanidade fose disipándose, conscientes da importancia de sacar da axenda política e mediática a situación sanitaria, xeradora de descontento coa xestión da Xunta. Mais esta cuarta feira, o presidente galego tivo que volver comparecer no Parlamento para responder sobre a política sanitaria durante a sesión de control. El propio reprochou aos portavoces da oposición que volvesen traer á Cámara a problemática sanitaria —"volve falar de sanidade", díxolle a Luís Álvarez, voceiro do PSdeG no Parlamento—.

Cifras e impresoras

Ana Pontón acusou o Goberno galego de ser un "perigo" para a saúde de galegos e galegas e instou o presidente a tomar nota do "clamor" contra a política da Xunta en sanidade. "Vai seguir sendo parte do problema, dinamitando a sanidade pública, ou vai rectificar?", inquiriu ao presidente. Antes, a portavoz nacional do BNG puxera cifra aos recortes en Atención Primaria durante estes 13 anos de gobernos do Partido Popular na Xunta: 2.339 millóns de euros.

Un montante que a nacionalista foi debullando ano a ano ("48 millóns menos en 2022, 45 millóns menos en 2021, 142 millóns menos en 2020...") ao tempo que exhibía un gráfico coas cifras para, ao final da conta, preguntar a Alfonso Rueda canto persoal sanitario se podería contratar con ese diñeiro.

Rueda despachou os datos ofrecidos no Parlamento pola portavoz nacional —"xa vexo que ten fotocopiadora na casa"— achacando ese recorte a "aforro farmacéutico", e acusando a líder da oposición de  "non estar interesada" en que a sanidade "funcione" para así sacar "rédito político".

Neste sentido, o titular da Xunta  volveu retomar unha das liñas argumentais que o PP despregou nestas semanas: a "politización" das protestas cidadán. "Tanta pancarta, tanta bandeira, tanta consigna e tanto cargo do BNG facían difícil de adiviñar de que se falaba na manifestación" [do 12-F] criticou Alfonso Rueda. A resposta veulle de Ana Pontón na súa quenda: "Non ten nada máis que achegar á política que insultar o BNG?".

O PP ve unha "estratexia" de desgaste

Para Rueda hai un interese en que a sanidade galega non vaia ben, interese que non se limita a BNG e PSdeG. Tamén o Executivo español entraría neste xogo. Así o manifestou esta cuarta feira cando afirmou que o Goberno do Estado ten unha "estratexia de desgaste" das comunidades que como a Galiza están gobernadas polo PP.

"Impórtanlle pouco os servizos públicos como a sanidade", díxolle ao portavoz do PSdeG, Luís Álvarez, "o que lle importa é sumarse a esa estratexia, facer seguidismo da Moncloa".

Para o presidente galego, as críticas que se fan á política sanitaria do seu Executivo procuran unicamente "sacar rédito político", aínda que para iso haxa que "afundir servizos públicos". "Son capaces de cargarse a sanidade", asegurou.

Para rematar as acusacións, Rueda non puido evitar referirse ao Executivo estatal como "responsábel de que haxa 600 agresores na rúa ou con redución de condena, 15% na Galiza". O recurso á coñecida como "Lei do si é si" está a ser unha constante no discurso do PP nos debates na Cámara galega, independentemente do tema a tratar.

"Vostede está fóra da realidade"

Álvarez reprochou a Rueda "estar fóra da realidade". O socialista, que centrou a súa intervención nos recortes en sanidade, ensino e dependencia, acusou o presidente de ser responsábel do "abandono" dos servizos públicos que "afonda na desigualdade e na falta de equidade".

Comentarios