Pontón aposta pola investigación e por un modelo enerxético a favor do desenvolvemento económico da Galiza

A líder do BNG, Ana Pontón, explica no Nordés Club Empresarial da Coruña os eixos estratéxicos en materia económica para construír “unha Galiza en grande”.

Intervención de Ana Pontón no Nordés Club empresarial da Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Intervención de Ana Pontón no Nordés Club empresarial da Coruña. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asistiu ao almorzo-conferencia Oportunidades para Galiza nun mundo global no Nordés Club Empresarial da Coruña, no que estivo acompañada polo candidato á Alcaldía da cidade, Francisco Jorquera.

“Estamos vivindo un momento no que todo cambia e a Galiza ten que pensar como construír o seu futuro no ámbito económico, de creación de riqueza e emprego”, declarou a líder do BNG no encontro, explicando que a formación nacionalista ve “indicadores preocupantes que nos falan de que este país precisa un forte impulso”.

No momento actual, “no que a crise demográfica é cada vez maior, no que miles de mozos e mozas teñen que emigrar ante a falta de oportunidades e no que a Galiza perde músculo industrial”, Pontón quixo poñer sobre a mesa as alternativas económicas do BNG para construír “unha Galiza con máis futuro, unha Galiza en grande”.

Tres elementos centrais para pensar a Galiza do futuro

A proposta baséase en tres elementos centrais. O primeiro deles pasa por incrementar o peso do sector industrial, “para reverter un proceso de decadencia que se traduce en 20.700 empregos menos na industria desde 2009”. Por este motivo, dixo, “propoñemos un plan que permita desenvolver a nosa industria, apoiándose na riqueza eléctrica do país, co obxectivo de lograr que supoña 25% do PIB”, indicou a líder do BNG. “Esta é unha clave de futuro, porque no noso país temos capacidade para producir, temos que apoiar á pequena empresa e dimensionala”, subliñou.

O segundo elemento pasa por unha aposta pola ciencia e a innovación. “No BNG apostamos por un Pacto galego pola ciencia que nos permita achegarnos á media da Unión Europea (UE) de investimento en I+D+i, e pola captación e retención de talento investigador que emigrou por falta de oportunidades”, indicou Pontón, denunciando que “a día de hoxe en Galiza destínase a metade do que invisten os Estados da UE en investigación e ciencia e iso cambiarémolo cando o BNG lidere a Galiza porque queremos ser un referente internacional no eido científico”.

Neste mesmo ámbito, o próximo pleno do Parlamento debaterá a proposición de lei do BNG para a creación do INNOGAL, unha entidade “similar ás que funcionan con éxito en Euskadi (Ikerbasque) e Catalunya (ICREA)”, co obxectivo de facer da ciencia “un factor estratéxico para o desenvolvemento da Galiza”. Terá, ademais, explicou a portavoz nacionalista, “un dobre obxectivo: optimizar a xestión dos recursos e reter e captar talento investigador”.

A enerxía é o terceiro elemento sobre o que xira a proposta económica do BNG para pensar nunha Galiza “en clave de futuro”. “Este país ten unha grande oportunidade nas enerxías renovábeis mais cremos que as cousas non se están facendo ben” recalcou Pontón, que ve ás forzas estatais “empeñadas en que sexan as eléctricas as que se beneficien da riqueza eólica”.

Tarifa elećtrica galega

“Vemos a un PP e a un PSOE que están traballando para as eléctricas, que teén posto en marcha un modelo que perpetúa o espolio eólico deste país”, declarou a portavoz nacional do BNG. Fronte a isto, explicou, “propomos pór a enerxía eléctrica da Galiza ao servizo da sociedade galega, das familias e das empresas, rexeitando este boom eólico desordenado que só beneficia ás multinacionais”.

Neste sentido, Pontón propuxo “unha compañía de enerxía 100% pública, seguindo os pasos de moitos Estados europeos”, así como  “unha tarifa eléctrica galega máis baixa porque é de xustiza e de sentido común”, indicou, “xa que exportamos 40% da electricidade que producimos sen obter ningún beneficio e pagando grandes custes ambientais e sociais”.

“O BNG está totalmente a favor da transición enerxética, mais cun modelo xusto e democrático”, aseverou a nacionalista. “O que non se pode é perpetuar o espolio dos nosos recursos dándolle barra libre ás eléctricas para que destrúan o noso territorio e se enriquezan cun recurso que é de todos os galegos e as galegas. A enerxía ten que estar ao servizo da sociedade”, concluíu.

Comentarios