Ana Pontón prognostica un resultado “histórico” do BNG no 28M

Pontón enxalzou a xestión dos Gobernos municipais do BNG “para construír unha nova Galiza, concello a concello”.

Ana Pontón e Manuel Lourenzo, este domingo na Festa da Ostra de Arcade, en Soutomaior. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón e Manuel Lourenzo, este domingo na Festa da Ostra de Arcade, en Soutomaior. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, afirmou este domingo en Arcade (Concello de Soutomaior, comarca de Vigo) que a formación nacionalista “vai a por todas” e amosouse convencida “do resultado histórico da forza nacionalista no 28M” para construír unha “nova Galiza, concello a concello”.

Ana Pontón asistiu á 35ª edición da Festa da Ostra de Arcade, acompañada do cabeza de lista do BNG á Alcaldía de Soutomaior, Manuel Lourenzo, integrantes da candidatura, responsábeis políticos e simpatizantes para celebrar unha festa con 35 anos de historia.

Un proxecto municipal “solvente, transparente e transformador”

A líder do BNG afirmou que o BNG ten un proxecto político e un modelo municipal “de éxito” que é recoñecido “como un referente” en toda a Galiza. Neste senso, recalcou que os Gobernos municipais do BNG son “Gobernos de calidade, solventes, que saben xestionar con eficacia cada euro, transparentes, e melloran a vida das persoas”. “Dan aos Concellos dinamismo económico, dinamismo social e dinamismo cultural”, engadiu.

“Estou convencida de que o BNG vai ter un resultado histórico o 28 de maio”, afirmou Pontón, en relación coas eleccións municipais que decorrerán a finais do próximo mes. “É unha cita coas urnas na que saímos a gañar, imos a por todas e sen pórmonos límites”, sentenciou.

Manuel Lourenzo, o alcalde “que precisa Soutomaior”

“O Concello de Soutomaior conta con grandes sectores vinculados á terra, á ría e ao mar”, explicou Pontón, “e desde o BNG consideramos que o Concello precisa dun cambio para convertelo nun referente en toda a comarca”. Ese cambio, afirmou a líder nacionalista, “virá da man do noso candidato, Manuel Lourenzo, e da candidatura que encabeza”.

“É evidente que Soutomaior é un Concello cun gran potencial, pero tamén é evidente que Soutomaior merece máis, e para conseguilo hai que saír da rutina dun Goberno paralizado e sen ideas”, declarou Pontón.

35ª Edición da Festa da Ostra de Arcade

Após  felicitar o sector ostreiro, a confraría Virxe do Carme, a veciñanza e o gran número de persoas que traballan para manter en pé unha celebración como a Festa da Ostra, Pontón recalcou que a edición deste ano demostra o importante que é “coidar a ría” tanto medioambientalmente como no seu potencial económico para esta vila.

Comentarios