O BNG pide unha empresa pública de enerxía "ao servizo da Galiza"

Pontón defende un modelo enerxético contrario ao "espolio".
ENERXÍA PROPIA_BNG_10A_1
photo_camera Ana Pontón, no centro, con participantes no encontro sobre enerxía organizado polo BNG.

O BNG presentou esta segunda feira nun encontro con persoas expertas e representantes municipais as súas propostas en materia enerxética, que pasan por unha "aposta decidida" pola participación pública no sector enerxético, unha empresa pública de enerxía, unha tarifa eléctrica galega, así como "cambios para un modelo que sexa descentralizado" fronte a un PP "desnortado e "entregado ás eléctricas".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que se necesitan "alternativas políticas valentes e con ambición" para poder cambiar "o paradigma" e sentar as bases "dun novo modelo enerxético galego" pensado "desde e para a Galiza" que "poña fin ao espolio eólico e á concentración dos beneficios multimillonarios en mans de grandes eléctricas".

Na súa intervención neste encontro, Pontón afirmou que o PP na Galiza está "desnortado", "entregado ás eléctricas" e é "incapaz de defender o interese xeral" da sociedade galega.

"Mentres outros se moven, vemos unha Xunta durminte, cun modelo eólico depredador con sentenzas en contra do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, criticado pola sociedade, por asociacións agrarias, de montes e Concellos de todas as cores políticas", censurou. Ademais, reprochou ao Goberno galego que sexa "incapaz" de pedir ao Executivo estatal a retirada dos Plans de ordenación do espazo marítimo "para defender os intereses do sector pesqueiro" fronte á eólica mariña. A líder da oposición afirmou que a Galiza "non pode perder máis tempo" e sinalou que se debe "traballar con audacia" para conseguir ser "vangarda" na loita contra o cambio climático".

Decálogo de medidas

Neste sentido, Ana Pontón fixo público un decálogo de medidas para reducir o consumo de enerxías fósiles, do que destacou as que considera que teñen "especial urxencia": unha empresa pública e unha tarifa eléctrica galega, así como un modelo descentralizado.

Para o BNG, débese apostar pola participación pública no sector enerxético, "priorizando nos parques eólicos as empresas que antepoñan a participación social". Neste sentido, reivindicou unha empresa pública de enerxía que poida "ir rescatando as concesións eléctricas segundo vaian caducando". "Trataríase dunha entidade que nos permita poder ter instrumentos públicos para intervir no mercado da enerxía", explicou.

En canto á tarifa eléctrica galega, que Ana Pontón considera "de sentido común", detallou que se necesita "vontade política" para "abaratar as peaxes polo papel produtor que ten a Galiza". "Exportamos 40% da enerxía eléctrica que se produce no país e entendemos que esta achega tamén ten que ser compensada por parte do Estado", relatou. No caso dos cambios para un modelo descentralizado, Ana Pontón demandou "maiores exixencias no ámbito económico e ambiental", cunha mudanza na lexislación na que "se impulse un cambio de paradigma que teña no centro a declaración do vento como dominio público galego".

Propostas "rigorosas"

"Hoxe presentamos propostas serias, rigorosas, estudadas, que teñen ambición e que tocan un debate fundamental, como é poder situar a Galiza neste terreo cambiando o modelo, apostando por unha transición xusta, democrática e que implique que poidamos mirar cara ao futuro con optimismo", concluíu Pontón.

Comentarios