Pontón pide a Rueda e Formoso unha reunión sobre a AP-9

O BNG quere evitar que a transferencia "naufrague"
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa (Foto: Nós Diario).
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón (Foto: Nós Diario).

O BNG quere que antes de que remate a lexislatura se aprobe a transferencia da AP-9 a Galiza e que se aprobe nos termos que o Parlamento galego aprobou por unanimidade. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sinalou onte nunha comparecencia que "a oito meses de que remate esta lexislatura non se pode permitir unha vez máis que a transferencia da AP-9 naufrague cando é algo que conta co acordo unánime do Parlamento galego”. 

A líder da oposición preguntouse “por que o PP e o PSOE non defenden en Madrid o que aceptan na Galiza”, poñendo sobre a mesa tamén que “ou-tros lugares do Estado como Euskadi e Cataluña teñen a transferencia de autoestradas similares dende hai anos”.

Con respecto disto, Pontón lembrou que “a única boa nova en torno á AP-9 nestes anos foi a rebaixa histórica conseguida polo BNG”. Por iso, informou que remitiu senllas cartas ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e ao secretario xeral do PSdeG, Valentín González Fomroso, para “ter unha xuntanza e traballar na defensa de que non haxa máis atrasos na transferencia da AP-9” e tamén “para traballar na solicitude de que os grupos do Congreso respecten o acordo unánime do noso Parlamento”, engadiu.

Até o de agora, o camiño desta lei para transferir a  AP-9 a Galiza foi unha “carreira de obstáculos”, lamentou a portavoz nacionalista. 

Lembrou como “houbo que tramitala en tres ocasións no Parlamento galego e superar o veto do Goberno estatal e da Mesa do Congreso, presididos por Mariano Raxoi e Ana Pastor, respectivamente, e con Alberto Núñez Feixoo  liderando a Xunta da Galiza”.

A lei tivo que pasar en dúas ocasións polo Congreso para a súa toma en consideración,  apuntou, sendo a última en febreiro de 2021. A portavoz do BNG explicou como “no trámite parlamentario nas Cortes, o BNG non presentou emendas para evitar manobras dilatorias, superando as 17 prórrogas para a presentación de emendas”. 

Comentarios