Pontón sitúa o BNG como o garante de "transformación" nos Concellos

Arroupou en Ferrol a candidatura de Iván Ribas
Ana Pontón con Iván Rivas esta terza feira en Ferrol (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón con Iván Ribas esta terza feira en Ferrol (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asistiu á presentación da candidatura do BNG en Ferrol, liderada por Iván Ribas, e á que cualificou como "ilusionante, con ideas e cun proxecto capaz de conseguir que Ferrol se suba ao tren do futuro".

A líder a oposición informou da intención do BNG para "recuperar" a cidade ao crer nun Ferrol "que non se rende, orgulloso da súa lingua, con historia obreira, que dinamiza a cultura e que está listo para deixar atrás unha década gris e construír un lugar con futuro".

Declarou que "a Galiza do século XXI non se pode entender sen o necesario impulso industrial, económico e social de Ferrol", polo que "o BNG quere que esta cidade deixa atrás a resignación e se prepare para un tempo novo".

O BNG pon en marcha nos Concellos nos que goberna "cambios" e "proxectos transformadores" e capaces de mellorar a vida das persoas. "Como un claro exemplo desta transformación está o caso de Pontevedra", lembrou a portavoz nacionalista.

Pontón dixo estar convencida de que "revitalizar Ferrol é posíbel, transformando o Concello e dándolle solucións reais aos problemas que acumula a cidade".

San Finx

Pola mañá, a portavoz nacional  do BNG mantivo en Noia un encontro un encontro cos representantes da Plataforma contra os vertidos da mina de San Finx.

"Após a multitudinaria manifestación na comarca de Muros-Noia que se levou a cabo no pasado mes de febreiro, o Goberno do PP segue a facer ouvidos xordos e vemos que xa deron comezo as obras para levar adiante o vertido de 4 millóns de metros cúbicos de auga contaminada sobre a Ría", denunciou a líder da oposición.

O BNG, enfatizou, é "firme" na súa posición e manifesta todo o seu apoio ao sector pesqueiro e marisqueiro do Barbanza. Como consecuencia, a portavoz nacional instou a Rueda a que "deixe de pór os intereses dunha multinacional con sede en Australia por riba dos intereses de miles de familias que viven da pesca e do marisqueo na Ría de Muros-Noia".

"O PP pon en perigo o futuro da Galiza, o noso medio ambiente, o noso mar, e 5.000 postos de traballo", indicou a portavoz nacional.

Comentarios