venres 24/09/21

Pontón aposta por “ensanchar” o BNG sen “cambiar os principios”

Reclama reverter os recortes en educación.
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG. (Foto: Europa Press) #anapontón #bng #bloque
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG. (Foto: Europa Press)

A asemblea nacional do BNG centrou parte da comparecencia pública de Ana Pontón que decorreu na segunda feira. Nunha agardada rolda de prensa, a primeira após anunciar a apertura dun proceso de reflexión persoal de cara a clarificar a súa continuidade como portavoz da organización nacionalista, Pontón quixo agradecer as “palabras de agarimo” recibidas nos últimos días e trasladar a súa opinión sobre algúns dos aspectos a debate no conclave do BNG do vindeiro 7 de novembro.

A portavoz nacional defendeu “alargar” a base social do BNG pero sen “cambiar os seus principios fundamentais”. A este respecto, considerou necesario “ensanchar” esa base social para “chegar a máis xente” desde os “principios” da organización,“porque a alternativa para este país ten que escribirse cun guión no que rompamos coa dependencia das forzas estatais e de Madrid”.

Neste sentido, avanzou unha das liñas mestras das teses do vindeiro plenario nacionalista, que tal e como adiantou en exclusiva a pasada cuarta feira Nós Diario, aspira a “seguir ampliando cuantitativamente a organización”, tras o importante crecemento de afiliación dos últimos meses.

A voceira nacional do BNG ligou a reflexión aberta sobre o seu futuro á “forma particular de entender a política”. Considerou que transcorridos cinco anos desde a súa chegada ao cargo creu necesario pensar no que “é mellor para a Galiza e o BNG” de xeito “responsábel e sereno”.

“O peor que lle pode pasar a alguén é actuar por inercia”, aseverou Pontón, quen lembrou que “o BNG está nunha situación moi diferente” á que atopou en 2016.

Recortes educativos

A máxima responsábel do BNG trasladou estas opinións a preguntas dos xornalistas tras denunciar os recortes en educación do Goberno de Feixoo.

Neste sentido, avanzou que demandará á Xunta contratar “mil profesores e profesoras máis que no curso pasado” así como que “se reduzan as ratios a 20 alumnos e alumnas en primaria e a 25 en secundaria”.
 

comentarios