Análise

O BNG, ante unha asemblea nacional decisiva

A dirección nacionalista ten convocado o plenario para o vindeiro 7 de novembro, consciente de que a cita terá lugar nunha situación moi diferente á anterior.
Manifestación do Día da Patria Galega o pasado 25 de xullo de 2021, na praza da Quintana (Compostela). (Foto: Europa Press) #díadapatriagalega #bng #compostela
photo_camera Manifestación do Día da Patria Galega o pasado 25 de xullo de 2021, na praza da Quintana (Compostela). (Foto: Europa Press)

As forzas políticas galegas non toman vacacións este verán. Os populares, tras o seu congreso galego de xullo, preparan agora os seus catro conclaves provinciais, que decorrerán na segunda e terceira semana de setembro, onde Diego Calvo, Elena Candia, Alfonso Rueda e José Manuel Baltar van repetir, non sen oposición, como máximos responsábeis da formación nas súas respectivas circunscricións. Pola súa banda, os socialistas enfrontan a recta final do seu proceso congresual nun ambiente con tensión interna, á vista das opinións expresadas en público polo seu secretario de organización, José Antonio Quiroga, e con Gonzalo Caballero e Valentín Formoso como probábeis aspirantes á Secretaría Xeral.

O Bloque Nacionalista Galego tamén está as portas dunha nova asemblea. A dirección nacionalista ten convocado o plenario para o vindeiro 7 de novembro, consciente de que a cita terá lugar nunha situación moi diferente á anterior. Se en marzo de 2017, o BNG salvaba un match ball e ocupaba un lugar residual no espazo institucional galego, á volta de 2021 sitúase como segunda forza da Cámara galega, está de volta no Congreso dos Deputados e é observada por unha parte da sociedade como alternativa ao PP.

Neste contexto, os nacionalistas apostan por sacar conclusións dos aspectos que lle teñen permitido avanzar nestes últimos catro anos, significando entre eles a coherencia ideolóxica, a defensa sen complexos do proxecto estratéxico, nomeadamente no referido á autorganización, a militancia e os liderados institucionais e orgánicos. 

O temario do plenario divídese en tres bloques. Un primeiro, de reflexión sobre a situación internacional e nacional nun contexto de profundos cambios cruzados pola pandemia, de mudanzas na correlación de forzas no escenario mundial e de novas problemáticas derivadas dunha crise sen precedentes nos últimos 75 anos. Un segundo, de concreción de liñas de actuación, en palabras dun dos dirixentes, “para consolidar electoral e socialmente o BNG” e definición programática, onde toma un particular relevo a definición dunha proposta ben perfilada para o actual debate territorial.

A este respecto, os nacionalistas defenden actuar en tres planos, impulsando a reivindicación estratéxica de soberanía nacional, formulando unha proposta para un novo marco de relación xurídico-política co Estado, coa reclamación dun modelo de financiamento baseado no concerto como aspecto central, e reivindicando a transferencia á Galiza das competencias pendentes.

As receitas organizativas suxeridas nos documentos en redacción apostan por “reforzar política e ideoloxicamente o BNG, facéndoo moito máis eficiente e eficaz no traballo institucional e social”. A este respecto, fontes da dirección lembran “o espectacular crecemento de militancia do último ano, con máis de 1.000 novas incorporación nos últimos meses” e aspiran a seguir ampliando cuantitativamente a organización. No mesmo sentido, defenden unha “afiliación máis presente na dialéctica social e introducida nas dinámicas do campo nacionalista”.

Outro dos retos para o BNG pasa por conseguir unha maior integración da nova afiliación, así como pola posta en práctica de políticas de formación. A esta mellora organizativa liga a dirección nacionalista un avanzo electoral nos comicios locais de maio de 2023.

Comentarios