Pontón, sobre un adianto electoral na Galiza: "Canto antes teña lugar, antes poderemos cambiar o rumbo do país"

Aspira a que o Bloque consiga grupo propio no Congreso e mostra o seu apoio a Néstor Rego para que repita como candidato

Ana Pontón, no edificio do Parlamento galego. (Foto: Xan Carballa)
photo_camera Ana Pontón, no edificio do Parlamento galego. (Foto: Xan Carballa)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sostén que canto antes teñan lugar as eleccións galegas, antes se poderá "cambiar o rumbo deste país" cun goberno liderado polo Bloque.

"Estou convencida, e é para o que vou traballar, de que para cando se convoquen esas eleccións na Galiza cambiemos o rumbo e que por primeira vez poidamos ter unha presidenta coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas", defendeu nunha entrevista concedida á Cadea Ser.

Con todo, Pontón ve os populares coa "calculadora electoral na man" e recoñeceu que o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, convocará a cita electoral galega "cando máis lle conveña ao PP" e non "cando máis lle conveña á Galiza", xa que, engadiu, "non teñen nada que ofrecerlle a este país".

Sobre Alfonso Rueda, a líder do BNG dixo que é un presidente que "non ten pulso nin impulso" e censurou que vaia "a rebufo do que faga Feixoo en Madrid". "Non ten autoridade no seu partido", afirmou, antes de sinalar que isto obsérvase "co caso Baltar en Ourense".

Precisamente, cuestionada en concreto pola situación no consistorio da capital ourensá, Pontón asegurou que lle "sorprende" que desde o 28-M o PP "non aclarara que vai facer en Ourense".

“Hai catro anos decidiu vender a cidade para pór un alcalde letal única e exclusivamente por manter a rede caciquil da Deputación de Ourense. Temo que nestes momentos están a traballar nesa mesma dirección", reflexionou.

23-X: "Con moito entusiasmo"

Así mesmo, a portavoz do BNG sinalou que acoden a estes comicios "con moito entusiasmo", porque son "unha oportunidade para que a Galiza gañe peso político no Estado español". "Nesta lexislatura, cun único deputado fixemos máis pola Galiza que os outros 23", defendeu para, a continuación, recoñecer que o Bloque aspira a obter grupo propio na Cámara baixa.

Neste sentido, fixo referencia aos comentarios da cidadanía que reivindica "que ben negocian os vascos e os cataláns". "E por que?", cuestionou, "porque as súas forzas nacionalistas teñen grupo propio e aquí iso só o pode garantir o BNG".

Por iso, defendeu o voto ao BNG como "a mellor opción" para "deixar de ver con envexa o que fan os demais" e que a Galiza "empece a ser protagonista".

Nesta liña, preguntada sobre o "voto útil" nas eleccións xerais, Pontón insistiu en que "o voto máis útil" é o de "poñer por diante" os intereses da Galiza. "Hai quen vai dicir que isto vai do bloque de Feixoo e do bloque de Pedro Sánchez, e nós temos que dicir que isto vai do bloque da Galiza", reivindicou.

Aínda sobre os próximos comicios, cuestionada sobre se Néstor Rego repetirá como cabeza de lista pola circunscrición da Coruña, Pontón quixo facer "unha valoración moi positiva" do seu traballo durante estes anos e afirmou que ten o seu apoio para que continúe. Con todo, lembrou que a decisión a tomará o BNG a próxima semana, no Consello Nacional que se celebrará o vindeiro venres, logo de que as asembleas comarcais se xuntaran a pasada semana para que a militancia propuxera os nomes das persoas integrantes das candidaturas.

28-M: "En alza"

Por outra banda, en relación coas eleccións municipais, a líder nacionalista cre que deixaron "de recado" que a forza "en alza" é o BNG, así como "a alternativa ante o PP", polo que avanzou que se deixarán "a pel" para que se produza "un cambio político" na Galiza.

Sobre os pactos cos socialistas galegos en diferentes concellos, Pontón defendeu que favorecerán “Gobernos alternativos ao PP", pero sempre "respectando a autonomía local" para que despois "decidan se queren incorporarse ou non aos Gobernos".

Iso mesmo será o que teñan que decidir os socialistas da capital galega, onde xa confirmaron o seu apoio á investidura da nacionalista Goretti Sanmartín, se ben a dirección do PSdeG inclinouse este domingo por non entrar a formar parte do Goberno de Compostela.

En relación con esta cuestión, Ana Pontón indicou que hai "un mandato claro da cidadanía" e que a próxima alcaldesa será "unha muller con moita capacidade, que vai empezar a gobernar desde o primeiro minuto". En todo caso, asegurou que respectan as decisións doutras formacións, pero "Compostela non pode esperar".

 

Comentarios