O BNG marca como reto ter un "grupo galego forte" no Congreso

Ana Pontón avala Néstor Rego para encabezar a lista da formación nacionalista pola Coruña.
ana pontón e néstor rego BNG
photo_camera Ana Pontón e Néstor Rego

O BNG marca como reto conseguir un grupo galego "forte" no Congreso que condicione a axenda estatal a favor da Galiza, "como fan os vascos e os cataláns", nas eleccións do 23 de xullo, cita para a que a portavoz nacional, Ana Pontón, mostrouse partidaria de que Néstor Rego volva ser o cabeza de lista pola circunscrición da Coruña.

Unha opinión que, ao seu xuízo, non ten por que condicionar o resultado do debate de candidaturas que se está a dar nas asembleas territoriais "Fixemos moito cun só deputado. Imaxinade o que seriamos capaces cun grupo galego forte nun escenario sen maiorías fortes", destacou Pontón. Na súa intervención, na que ela e Néstor Rego fixeron balance dos logros conseguidos polo BNG nestes tres anos na Cámara baixa como a rebaixa de peaxes da AP-9 ou a mellora nas infraestruturas ferroviarias, Pontón subliñou que a organización nacionalista é a única coas "mans libres" para "defender a Galiza".

Así mesmo, incidiu en que o BNG ten o "único obxectivo" de facer valer a Galiza en Madrid e que, para conseguilo, non ten que pedir permiso a ninguén, fronte a un PP "ás ordes de Xénova" e a un PSOE ás ordes de "Ferraz". "Somos o BNG, ao servizo da cidadanía galega", apuntou. A seguir, subliñou que un deputado nacionalista "foi máis útil" para a Galiza que os 23 das forzas estatais, ao lograr cuestións como a "rebaixa histórica das peaxes ou o desbloqueo da dragaxe da ría do Burgo".

Con todo, tanto Pontón como Rego censuraron os "incumprimentos" do PSOE do acordo de investidura, nunha actitude que consideraron que é "exemplo claro" de como "o PP e o PSOE altérnanse na discriminación da Galiza". "O que conseguiu A Galiza foi grazas a que o BNG puxo os intereses da Galiza por diante", afirmou.

Neste punto, Néstor Rego subliñou que quen levou a "axenda galega" á Cámara baixa a foi o BNG a través do acordo de investidura, mais lamentou que o PSOE non cumprise o seu parte en asuntos como a creación de novos xulgados de violencia de xénero.

Ademais, Néstor Rego sostivo que o seu traballo foi posíbel grazas a que o Bloque ten unha "organización ao longo do país" que "sabe perfectamente cales son os problemas, as demandas e as solucións" e trasládaas as institucións nas que é posíbel resolvelas.

"É por iso que reclamamos máis forza para a Galiza, para lograr que ese voto nacionalista sexa decisivo nun escenario sen maiorías e poder usar esa capacidade decisonaria a favor dos galegos", apuntou.

Preguntados sobre as listas que o BNG configura para as eleccións estatais, que serán aprobadas o día 16 de xuño polo Consello Nacional, Néstor Rego lembrou que o asunto está a ser debatido nas asembleas e considerou necesario ser respectuoso con ese momento.

Comentarios