O pleno de Xinzo rexeita o 'macroproxecto' eólico para a Limia que pretende instalar 32 aeroxeradores

O Concello de Xinzo comprometeuse a informar a veciñanza das características e riscos do proxecto que ameaza o territorio ao tempo que elabora alegacións contra o mesmo.

Pleno do Concello de Xinzo esta segunda feira (Foto: Stop Eólico Xurés-Celanova).
photo_camera Pleno do Concello de Xinzo esta segunda feira (Foto: Stop Eólico Xurés-Celanova).

O Concello de Xinzo reiterou esta segunda feira a súa solicitude dunha moratoria eólica na comarca da Limia, acordada en sesión plenaria o 27 de decembro do ano pasado, e manifestou o seu rexeitamento ao 'macrocomplexo' eólico a trámite impulsado pola empresa madrileña V-Ridium no Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) que pretende instalar 32 aeroxeradores na Limia con "graves impactos á paisaxe, ao patrimonio natural e cultural e as augas", segundo indican desde a plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova.

O Concello de Xinzo comprometeuse a informar a veciñanza das características e riscos do proxecto que ameaza o territorio ao tempo que elabora alegacións contra o mesmo.

Unhas alegacións que, segundo informou o alcalde, Amador Díaz de Alternativa por Xinzo de Limia (AXIL) están xa listas e ás que se convidou a sumarse aos Concellos de Trasmiras, Sarreaus, Vilar de Barrio e Vilar de Santos. Estes dous últimos xa mostraron a súa predisposición.

Riscos para a saúde

A iniciativa partiu dunha moción do BNG que defendeu esta segunda feira o seu portavoz, Camilo Vila, subliñando os riscos que representa para a saúde e as economías das veciñas e veciños un macropolígono con aeroxeradores de 240 metros de altura. O PSdeG, liderado por Elvira Lama asumiu a proposta e convidou os grupos de goberno (PP e AXIL) a se sumaren á mesma.

Para alén diso, a plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova informa de que despois do rexistro a semana pasada de 265 alegacións, nos próximos días levará a rexistro outras 350, mentres seguen abertos os puntos de recollida en Xinzo, Vilar de Santos, Bande e Celanova.

Ademais, segundo a plataforma, o Concello de Sandiás (A Limia) tamén presentará alegacións ante o Ministerio por mor deste proxecto.

Comentarios