O PSdeG urxe a Xunta a se reunir cos concellos sobre o "problema" do xabaril

A formación socialista cualifica de "parche" a emerxencia cinexética
xabarins

O portavoz de Agricultura do PSdeG no Parlamento, Martín Seco, cualificou de “parche” a decisión da Xunta da Galiza de declarar a emerxencia cinexética ante a presenza de xabarís na Galiza. O responsábel socialista anunciou onte unha batería de iniciativas parlamentarias logo dun encontro en Compostela co responsable de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijóo, para analizar este "problema".

Martín Seco reclamou á Xunta que deixe de trasladar toda a responsabilidade aos concellos e aos cazadores e exerza as súas competencias para tomar medidas de calado. Seco esixiulle á Consellaría do Medio Rural que convoque unha xuntanza de urxencia cos concellos da Galiza para buscar vías de colaboración e xestión destes animais nos núcleos urbanos, poñendo a disposición os recursos da administración galega para atrapar e xestionar estes animais.

Sinala o deputado socialista que a caída do número de cazadores nos últimos anos obriga a Xunta a afrontar o problema "con novos sistemas para acompañar a xestión da especie, como pode ser a colocación de gaiolas ou a alimentación temporal disuasoria para certos grupos de xabarís nos momentos de semente dos cultivos, nos que poden facer máis danos ás explotacións agrícolas".

Ademais, Martín Seco urxiu o Goberno galego a adoptar medidas coordinadas para evitar os grandes problemas ocasionados pola excesiva poboación desta especie, sinala, como son os "gastos millonarios que provoca aos agricultores galegos, o incremento de accidentes de tráfico, a posíbel aparición de problemas sanitarios ou tamén o risco potencial para a seguridade da veciñanza".

A Xunta da Galiza declarará esta mesma semana a emerxencia cinexética —publicarase esta sexta feira no Diario Oficial da Galiza e entrará en vigor o sábado— para permitir a caza "sen límite" de xabarís nun total de 248 municipios. Ou, o que é o mesmo, 80% dos concellos e da superficie do país. Esta decisión temporal ficará en vigor até o 25 de febreiro de 2024, fin da temporada de caza. Os concellos con caza sen límite de xabarís agrúpanse en 37 comarcas: 12 na provincia da Coruña (75 municipios), 11 en Ourense (87 municipios), 9 en Lugo (54 municipios) e cinco en Pontevedra (32 municipios).

Este instrumento excepcional pódese adoptar aludindo ;ao "perigo" para a gandaría e agricultura, alén de polo risco de provocar accidentes de tráfico, como medida complementaria á caza regulada para facer accións de control por danos. Poderanse capturar ou abater exemplares de ambos os sexos e amplíanse os períodos de caza.

Comentarios