Pontón: “Imos votar en contra de Feixoo, pero se Sánchez quere o voto do BNG ten que gañalo cumprindo con Galiza”

A portavoz nacional do BNG critica que o presidente da Xunta "poña diante os intereses de Feixoo" aos da Galiza.
Ana Pontón durante a executiva do BNG esta segunda feira (Foto: Arxina).
photo_camera Ana Pontón durante a executiva do BNG esta segunda feira (Foto: Arxina).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegura que o “servilismo” de Rueda ao PP está facendo que a Galiza "se quede atrás e sen posición de país" no debate de temas de gran calado como o financiamento ou o modelo territorial

Pontón ve que a Galiza está “desaparecida”, porque o señor Rueda é “un simple teloneiro dos actos de Feixoo, pois sempre pon os intereses de Feixoo por diante da Galiza”, dixo, apuntando que chegaron “a votar en contra do galego no Congreso”.

“Galiza merece moito máis que un presidente de reposto”, apostilou, criticando despois a “repetición da foto de Colón”.

Con respecto ao sentido do voto nacionalista na próxima investidura, fixo énfase en que Sánchez debe “cumprir coa Galiza”. “Con Galiza, todo; sen Galiza, nada”, engadiu.

“Votaremos en contra de Feixoo porque coñecemos ben o desastre das súas políticas", afirmou, pero a formación nacionalista tampouco votará Sánchez “en branco”.

"O noso obxectivo é defender a axenda galega no Estado como sempre fixemos, aí están os feitos, como a rebaixa da AP-9 ou o dragado da ría do Burgo", incidiu Pontón.

Ademais, explicou que o BNG levará ao Parlamento un fondo de rescate hipotecario para axudar "ás miles de persoas que viven afogadas e agora teñen que facer fronte a un novo incremento cruel, inxusto e disparatado” dos tipos de interese.

Comentarios