O pleno de Vigo aproba unha moción do BNG para iniciar trámites para declarar a cidade zona tensionada de vivenda

A iniciativa nacionalista pretende, entre outras accións, solicitar medidas para frear o aumento dos alugures na urbe ou limitar a proliferación dos pisos turísticos.
rúa aragón vigo
photo_camera Rúa Aragón, en Vigo

O pleno de Vigo aprobou esta segunda feira unha moción do BNG para iniciar os trámites necesarios para declarar a cidade como zona tensionada de vivenda.

A iniciativa nacionalista pretendía, entre outras accións, solicitar medidas para frear o aumento dos alugures na urbe, limitar a proliferación dos pisos turísticos e buscar compromisos concretos do Goberno local, galego e estatal para o "grave" problema actual co acceso á vivenda.

O encargado de defender esta moción foi o portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas, quen acusou as tres administracións de "inacción" perante un dos "principais" problemas sociais en Vigo, que é o acceso á vivenda.

Por iso, pediu á Xunta da Galiza que exerza as súas competencias nesta materia na cidade e solicitou ao Goberno local que poña en marcha os recursos dispoñíbeis para que os vigueses poidan gozar de pisos máis baratos. O BNG esixiu que o Goberno galego exerza dunha vez as súas plenas competencias en vivenda na cidade e, pola súa banda, que o Concello de Vigo poña en marcha as amplas capacidades e recursos dos que dispón para dar resposta á “grave” situación que padecen miles de viguesas e vigueses. Uns compromisos que, a xuízo das nacionalistas, pasan por despregar un parque público de vivenda en réxime de alugueiro, mobilizando os máis de 22.000 inmóbeis baleiros que existen na cidade

No caso do Executivo estatal, insistiu na necesidade de destinar a usos sociais os centos de inmóbeis dos que dispón a Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb), participada maioritariamente polo Estado. Finalmente, a iniciativa saíu adiante cos votos a favor do BNG e a abstención d PSdeG e do PP.

O Goberno galego xa anunciou hai unhas semanas non vai declarar ningunha zona tensionada na Galiz de oficio. "Non cremos que esa sexa a solución" á suba do prezo do aluguer, afirmou o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. Un informe encargado polo Goberno galego en decembro detectaba que 30% dos concellos poderían declararse como zonas tensionadas.

Iso si, "se un Concello o pide, valorarémolo", dixo o titular da Xunta, "e se, en todo caso, está ben argumentado, con todo o que ten que ter, todo o que ten que pedir, diremos que si".

Comentarios