18-F

O plan de cobertura de RTVE mantén o debate a tres entre PP, BNG e PSdeG a pesar da posíbel ausencia de Rueda

O documento pode ser recorrido até esta cuarta feira

O debate organizado pola CRTVG non terá minuto inicial. (Foto: CRTVG)
photo_camera O debate organizado pola CRTVG non terá minuto inicial. (Foto: CRTVG)

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou esta terza feira o plan de cobertura informativa de Radiotelevisión Española (RTVE) para as eleccións galegas do 18 de febreiro e oficializou o prazo para a presentación de recursos.

En concreto, os representantes das formacións políticas poderán presentar ante a Xunta Electoral da Galiza as reclamacións ou recursos que consideren pertinentes ata as 11 horas desta cuarta feira 31 de xaneiro.

Até o momento, das formacións consultadas pola axencia Europa Press, Vox é a única que anticipou a súa intención de recorrer.

RTVE remitiu o plan a pasada sexta feira á Xunta Electoral. O documento mantén a súa formulación de debate a tres entre os candidatos das tres forzas agora representadas no Parlamento galego (PP, BNG e PSdeG) para o 14 de febreiro. En todo caso, o PP só confirma a presenza de Alfonso Rueda no debate de TVG do 5 de febreiro.

Aínda que non están convidados a esta cita por ser extraparlamentarias, as coalicións Sumar e Podemos están consideradas como "grupos políticos significativos", tal e como resolveu o pasado día 20 de xaneiro a Xunta Electoral a unha consulta de RTVE, polo que si terán tempos de entrevista no mencionado plan de cobertura.

Grupos políticos significativos

O plan de cobertura de RTVE, tal e como avalou en días pasados a Xunta Electoral, contempla a Sumar e a Podemos como "grupos políticos significativos" por ter polo menos un 5% do voto na Galiza nas estatais de 2023, polo que si terán tempo fixado para as entrevistas, non así para aparecer nos bloques informativos.

E é que se considera que Sumar e Podemos contan cun 5,46% cada unha (repártese a partes iguais o 10,92% conseguido en coalición), mentres que Vox quedaría fóra ao obter un 4,87%.

O partido de Santiago Abascal tampouco figura no plan de cobertura da CRTVG. O criterio para seguir polo ente galego foi, precisamente, a resolución da Xunta Electoral a unha consulta de RTVE.

Nos bloques informativos de RTVE terán garantido un tempo fixo PP, BNG e PSdeG, como partidos con representación no Parlamento, en proporción ao seu número de escanos.

Sumar e Podemos, ao ser "grupos significativos", contarán cuns minutos de entrevista, mentres que nos informativos poderían aparecer, pero con menor tempo, igual que outras formacións como Vox.

 

Comentarios