18-F

O debate da CRTVG, á medida de Rueda, con PP, BNG, PSOE, Sumar e Podemos

Rueda parabeniza o ente público polos criterios de escolla das formacións.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, asinarán un convenio de colaboración en materia de Igualdade.
photo_camera Alfonso Rueda e o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: CRTVG)

O debate electoral convocado pola CRTVG para o 5 de febreiro responde aos criterios defendidos polo PP, interesado en ofrecer unha imaxe de división no espazo da esquerda, co obxectivo de dispersar o voto nese abano ideolóxico e de trasladar á cidadanía a sensación da inviabilidade dunha alternativa aos populares.

A CRTVG convidará ao seu debate o candidato do PP, Alfonso Rueda; a do BNG, Ana Pontón; o do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; a de Sumar, Marta Lois, e a de Podemos, Isabel Faraldo. A cita non contará coa presenza do cabeza do cartel de Vox, Álvaro Díaz-Mella, nin de Democracia Ourensá, Armando Ojea, malia que algunha sondaxe, como a de EM-Analytics para Nós Diario lle outorga representación na Cámara galega.

O candidato á Presidencia da Xunta da Galiza polo PP, Alfonso Rueda, parabenizou onte o formato escollido polo ente público. Neste sentido, sinalou que a proposta "constata unha realidade, o que vimos dicindo, que hai dúas alternativas, seguir coa estabilidade e o 'sentidiño' do PP, ou unha esquerda multipartita". 

Así, Rueda indicou que no debate "porase en evidencia que hai unha multicomposición dunha multiesquerda mal avida". Precisamente, está é a liña argumental que vén empregando o PP desde o momento en que acordou adiantar as eleccións ante a constante perda de apoios avanzada nas sondaxes.

A decisión da CRTVG coñeceuse a menos de 24 horas da reunión prevista entre os coordinadores de campaña do PP e das forzas da oposición para acordar o calendario de debates e os criterios dos mesmos. A este respecto, desde o BNG e o PSdeG asumen que o candidato popular non participará en máis debates que no convocado polo ente público galego.

TVE

A maiores do promovido polos medios públicos galegos, a Cadea Ser, emisora radiofónica do grupo Prisa, e a Corporación de Radio e Televisión Española (CRTVE) téñense dirixido a PP, BNG e a PSOE para convidar os seus candidatos a un debate electoral, sen que Alfonso Rueda teña confirmado a súa presenza até o momento.

O debate da CRTVG estará moderado pola redactora xefa da corporación, Marta Darriba, e o subdirector da Área de Información e Documentación, Alejandro López. A dirección do ente público xustifica a escolla en base a que  PP, BNG e PSdeG son "forzas representativas" ao seren as únicas con presenza no Parlamento e Sumar e Podemos son "grupos políticos significativos" porque, malia careceren de representación na Cámara, "si obtiveron unha porcentaxe significativa de voto na Galiza en comicios posteriores".

Comentarios