18-F

O debate electoral da TVG xa ten data e formato

Os partidos fechan o debate para o día 5: ábreo e conclúeo Rueda e terá tres bloques temáticos

O debate organizado pola CRTVG non terá minuto inicial. (Foto: CRTVG)
photo_camera O debate organizado pola CRTVG non terá minuto inicial. (Foto: CRTVG)

Representantes de PP, BNG, PSdeG, Podemos e Sumar, formacións convidadas a participar a segunda feira 5 de febreiro no debate que organiza a Corporación de Radio e Televisión da Galiza (CRTVG), reuníronse na tarde desta sexta feira na sede do ente público en San Marcos (Compostela) para abordar os detalles da que, por agora, é a única contenda entre candidatas que haberá para as eleccións do 18 de febreiro.

Será a partir das 21.30 horas e o candidato do PP, Alfonso Rueda, será o encargado tanto de abrir como de fechar un debate que manterá os tres bloques temáticos dos que informou a propia CRTVG, sen variación.

En concreto, serán os seguintes: un primeiro sobre políticas económicas e orzamentarias, no que se falará principalmente de emprego, industria e transición ecolóxica; un segundo sobre políticas sociais e financiamento do benestar, que inclúe educación, sanidade, igualdade e lingua; e un terceiro de modelo institucional para falar de pactos, gobernabilidade e a voz da Galiza no Estado español.

O debate non terá minuto inicial, senón que arrincará directamente no primeiro bloque coa intervención de Rueda. Foron as tres formacións con representación no Parlamento (PP, BNG e PSdeG) as que escolleron, por orde de maior a menor representación, que bloques queren abrir e fechar. O mesmo criterio, sen sorteos, seguiuse para escoller o atril que ocupará cada candidato.

Con todo, a orde do minuto final ou 'de ouro' está fixado de menor a maior: Isabel Faraldo (Podemos), Marta Lois (Sumar), José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG), Ana Pontón (BNG) e Alfonso Rueda (PPdeG).

Fontes dos grupos da oposición consultadas por Europa Press transmitiron as súas queixas por esta reunión que foi "decepcionante" e "de trámite", xa que "non se puido negociar nada".

Polo momento, este debate a cinco na televisión pública galega é o único que hai fechado entre as candidatas. Radiotelevisión Española (RTVE) entregou esta mesma sexta feira o seu plan de cobertura do 18-F, que mantén a súa oferta de debate a tres entre as forzas parlamentarias, ao que por agora só Pontón e Besteiro confirmaron a súa asistencia.

Recurso de Vox

Esta sexta feira, Vox presentou o seu recurso ante a Xunta Electoral Central contra o plan de cobertura do 18-F da CRTVG, solicitando ser considerado tanto para o debate como para os bloques informativos nas mesmas condicións que Podemos e Sumar.

Os seus principais argumentos legais, segundo o escrito ao que tivo acceso Europa Press, é que sofren un "trato diferenciador e excluínte" que “vulnera a igualdade de trato e o pluralismo político estabelecidos na Constitución española e na Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeneral”.

Explica Vox que Sumar e Podemos, si contemplados no plan de cobertura, tampouco contan con representación no Parlamento galego. Estas dúas coalicións, con todo, si ostentan a condición de "grupo político significativo" por superar o 5% nas eleccións estatais de xullo de 2023, mentres que Vox quedou no 4,7%.

Comentarios