Besteiro deixará a Delegación e será o cabeza de lista do PSOE ao Congreso por Lugo

O seu nome leva varios meses soando con forza para liderar a candidatura socialista nas vindeiras eleccións galegas.
A marcha de José Miñóns a Madrid abriulle as portas da Delegación a Gómez Besteiro. (Foto: Europa Press)
photo_camera A marcha de José Miñóns a Madrid abriulle as portas da Delegación a Gómez Besteiro. (Foto: Europa Press)

Pouco máis de dous meses após acceder ao cargo —consolidando o seu retorno á primeira liña política—, José Ramón Gómez Besteiro prepara xa a súa saída da Delegación do Goberno estatal na Galiza. Farao para encabezar a candidatura do PSOE ao Congreso na circunscrición de Lugo, un movemento avanzado na mañá desta terza feira a Cadena SER e que sería unha petición expresa do presidente español, Pedro Sánchez.

Besteiro fora designado delegado a finais de marzo pasado en substitución de José Miñóns, quen á súa vez abandonara o posto para formar parte do Goberno de Sánchez ficando á fronte do Ministerio de Sanidade. E precisamente Miñóns será, de cumprírense os prognósticos, o cabeza de lista dos socialistas na circunscrición da Coruña.

E na de Pontevedra semellan ser dous nomes os mellor situados para figuraren no número un da lista do PSOE: a actual presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva —que non poderá renovar o mandato por mor da maioría absoluta colleitada polo PP na institución provincial—, e o delegado do consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades. De feito, o alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, apuntou recentemente á posibilidade de que Regades lidere a candidatura ao Congreso e Silva, a do Senado.

A incógnita de Ourense antóllase máis difícil de despexar, se ben nas últimas horas quedaron ben situados os nomes de Marga Martín, tenente de alcalde de Francisco Rodríguez durante o seu goberno; Noela Blanco, ex deputada no Parlamento da Galiza, ou Uxía Tizón, actualmente con asento na Cámara baixa.

Manuel Mirás e Bugallo, na carreira ao Senado

Esta mesma segunda feira o que fora alcalde de Oroso (comarca de Ordes) durante máis de 20 anos, Manuel Mirás, postulouse para seguir como senador do PSdeG pola circunscrición electoral da Coruña, tras coñecerse o interese por este cargo por parte do alcalde en funcións de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. Na mesma xornada na que se coñeceu a intención do rexedor compostelán en funcións, Mirás remitiu un comunicado aos medios no que asegura que presenta a súa candidatura e ponse ao dispor do partido para continuar co seu traballo no Senado.

"A día de hoxe, son relator en varias leis en tramitación e considero que fixen un bo traballo no Senado, polo que estou ao dispor do partido", sinalou o ex alcalde de Oroso, que lembra que forma parte da executiva provincial e é coordinador dos deputados e senadores coruñeses en Madrid.

A Xunta, no horizonte

Resulta imposíbel non botar a vista tamén uns meses cara adiante para comezar a pensar nas eleccións galegas que, agás adianto electoral, decorrerán en 2024. E nesta nova batalla todo parece indicar que Besteiro e Miñóns son os mellor posicionados para liderar a candidatura dun PSdeG que nas últimas dúas citas coas urnas quedou relegado á terceira posición.

Comentarios