O PSdeG aprazará, por orde de Ferraz (sede do partido a nivel estatal), o seu proceso de primarias para elixir candidato á Xunta da Galiza "até a sesión de investidura e a eventual formación de Goberno".
A cita estaba prevista para o domingo 17 de setembro e o lucense José Ramón Gómez Besteiro é quen soa con máis forza para postularse como aspirante.
O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, asina un comunicado que, con data desta mesma sexta feira, a dirección galega do partido remitiu á militancia para informarla da decisión adoptada pola Comisión Executiva Federal do PSOE.
Trátase dun comunicado que chega logo de que o deputado socialista Pablo Arangüena cualificara esta mesma sexta feira, 18 de agosto, de "primarias pantasma" o proceso do seu partido "ao non estar convocadas" nin haber un calendario fixado. A este respecto, Arangüena pedía esta segunda feira, un "rumbo claro e proxecto" para o socialismo galego con vistas a "volver sumar ao común do PSOE". "Autocrítica e reflexión", exixe o deputado socialista.
Falei de "primarias fantasma", anunciadas para setembro pero sen calendario. Hoxe foron adiadas pola dirección federal para centrar a axenda na investidura. O socialismo galego precisa rumbo claro e proxecto para volver sumar ao común do PSOE. URXE AUTOCRÍTICA e REFLEXIÓN. pic.twitter.com/4nx1ABANta
— Pablo Arangüena (@PabloAranguena) August 21, 2023
Na mesma liña, o tamén deputado no parlamento da Galiza Martín Seco afirmou nesta segunda feira que urxe "enderezar e corrixir a folla de ruta do PSdeG para facer proxecto e volver crecer electoralmente".
No comunicado enviado á militancia do PSdeG lémbrase que o pasado 11 de xuño do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, anunciou ao Comité Nacional, máximo órgano entre congresos, a convocatoria de primarias para a elección do aspirante á Presidencia da Xunta para os comicios que, salvo adianto, decorrerían o verán do ano próximo.
Na misiva saliéntase que, "con tempo suficiente", quedou aberto un período para que "todos os compañeiros que así o decidan poidan participar no proceso cando se aprobe o calendario oficial".
Tamén se incide en que a Comisión Executiva Nacional Galega, reunida o 29 de xullo, acordou que as primarias se celebrasen o 17 de setembro, "seguindo a proposta de calendario remitida por parte da Comisión Executiva Federal (CEF) do PSOE o día 27 de xullo".
Ordes de Ferraz
Neste contexto, a dirección do PSdeG precisa que, despois de constituírense as Cortes o pasado 17 de agosto, a Comisión Executiva Federal do PSOE notificou que consideraba necesario aprazar o proceso interno de primarias na Galiza até que se celebre a sesión de investidura en España e a posterior formación de Goberno.
O argumento esgrimido, segundo recolle o escrito, é que "a actual situación política após a celebración das Eleccións Estatais do 23 de xullo e a constitución das Cortes Xerais, quedando pendente o proceso de investidura á Presidencia do Goberno do Estado español, desaconsella pór en marcha este proceso orgánico neste momento".
Desta maneira, o proceso de eleccións primarias do PSdeG fica paralizado. Así o notificou o partido esta mesma segunda feira, 21 de agosto, nun comunicado remitido á militancia socialista na Galiza, no que se incide en que, "polo exposto, até a celebración da sesión de investidura e a eventual formación de Goberno queda paralizado o proceso de primarias proposto desde o PSdeG".
"Unha vez se resolva a situación política a nivel estatal retomarase dita proposta e estabelecerase o calendario definitivo para a celebración de primarias do candidato ou candidata do PSdeG á Xunta", agrega.