A 'Operación Pulpo', que investigaba supostas adxudicacións ilícitas realizadas no marco do 'Programa KM0' da Deputación de Lugo e constituía a última causa xudicial que tiña pendente José Ramón Gómez Besteiro, o que foi secretario xeral do PSdeG e presidente da Deputación de Lugo, foi arquivada provisionalmente.
Besteiro apartouse da primeira liña política en marzo de 2016, unha semana despois de que a xuíza Pilar de Lara (quen abriu a 'Pulpo' en 2013) decidise investigalo por seis delitos en relación coa súa etapa como presidente da Deputación.
Esta nova causa sumábase a outra aberta pola mesma maxistrada sobre o seu paso pola Concellaría de Urbanismo de Lugo, na que lle imputaba outros catro delitos. De todas as imputacións foi quedando sucesivamente exonerado.
Segundo o auto difundido polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), o Xulgado de Instrución número 2 de Lugo decretou o sobresemento provisional da causa sobre estas supostas adxudicacións irregulares realizadas no ámbito do 'Programa KM0' da Deputación, con cargo a fondos propios e fondos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder), a empresas de transporte titularidade dun directivo do Grupo Monbus.
A maxistrada destaca no auto que, polo momento, aínda non é firme a resolución que delimita o obxecto procesual da causa, pois está pendente de que a Audiencia Provincial resolva un recurso de apelación contra a inclusión ou exclusión de determinados feitos no obxecto do procedemento.
O testemuño que motiva o procedemento, segundo indica a xuíza no auto, "presenta graves deficiencias" que impiden a súa eventual continuación.
En todo caso, a maxistrada sinala que, tendo en conta a copia remitida ao xulgado que xustifica a formación da causa, "o que non aparece debidamente xustificada é a perpetración" de delito algún.
Así, incide en que "non permite constatar indicio algún racional de criminalidade", á vez que subliña que "non consta nos informes policiais de análises da documental incautada (únicas dilixencias practicadas, ademais das declaracións de testemuñas e investigados) ningún indicio relativo aos ingresos oficiais e declarados dos investigados".
"Ningún indicio obxectivo de criminalidade"
"A pesar da sucesiva reiteración, en diversas resolucións xudiciais ao longo da instrución da causa, das supostas adxudicacións ilícitas e diversas irregularidades, o certo é que ningún indicio obxectivo de criminalidade puido constatarse", recalca a titular do Xulgado de Instrución número 2 de Lugo.
Ademais, explica que, tal e como se sinalaba nun auto emitido en xuño de 2020 polo Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, "tales sospeitas non alcanzan a condición de indicios racionais de criminalidade, ningún indicio obxectivo concorre co intento de beneficiar na contratación o directivo de Monbus como partícipe nas empresas adxudicatarias".