A inflación castiga a cidadanía galega: o custo da vida subiu 9,6% no último ano, un punto por riba da media estatal

A vivenda é hoxe 21,8% máis cara que en maio de 2021.
Os alimentos, os carburantes e a vivenda encabezan a suba dos prezos. (Foto: Europa Press)
photo_camera Os alimentos, os carburantes e a vivenda encabezan a suba dos prezos. (Foto: Europa Press)

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) subiu na Galiza 1,1% en maio a respecto de abril e incrementou a súa taxa interanual cinco décimas, até 9,6%, polo encarecemento das gasolinas, dos alimentos e da restauración. É o terceiro maior dato do Estado español após Castela-A Mancha (10,6%) e Castela e León (9,9%).

Segundo datos publicados esta sexta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE), o IPC disparouse na Comunidade até nove décimas por encima que no total do Estado español, xa que a nivel estatal medrou 8,7%.

No que vai de ano, os prezos incrementáronse no país 4,9%. Por grupos, os alimentos e bebidas non alcohólicas incrementaron o seu prezo en 1,7% no último mes e 10,9% desde maio de 2021. A vivenda encareceuse 21,8% nos últimos doce meses, aínda que entre abril e maio caeu 0,8%.

O transporte foi outro dos grupos que máis se encareceu, cunha suba de 15% desde maio do ano pasado e unha repunta de 2,9% no último mes. Tamén os hoteis, cafés e restaurantes dispararon os seus prezos 7,7% no último ano e 1,1% de abril a maio.

O único grupo que baixou os seus prezos foron as comunicacións, baixando 0,1% de abril a maio e 0,2% nos últimos doce meses.

Datos estatais

A nivel estatal, o IPC subiu 0,8% en maio en relación ao mes anterior e incrementou a súa taxa interanual catro décimas, até 8,7%, sempre segundo os datos do INE.

Deste modo, a inflación retoma neste mes de maio os ascensos logo de que en abril se moderase 1,5 puntos de golpe, até situarse en 8,3%. O dato de maio está 1,1 puntos por baixo do pico de marzo, cando o IPC chegou a alcanzar 9,8%, a súa taxa máis alta en case 37 anos. Na Galiza en marzo ascendera a 10,5%.

Segundo o INE, a escalada do IPC interanual até 8,7% en maio débese, principalmente, á suba dos prezos dos carburantes e da restauración, maiores en maio deste ano que no mesmo mes de 2021, e ao encarecemento dos alimentos, entre os que destacan pan e cereais, queixo e ovos e carne. En sentido contrario, baixaron os prezos de legumes e hortalizas.

En concreto, a alza dos prezos dos carburantes levou a taxa interanual do grupo de transporte até 14,9%, máis de dous puntos por riba da rexistrada en abril, mentres que os prezos da restauración provocaron que o grupo de hoteis, cafés e restaurantes elevase a súa taxa interanual en maio até 6,3%, cinco décimas máis que en abril. No caso dos alimentos, a taxa interanual escalou nove décimas, até 11%, a máis alta en 26 anos.

Comentarios