A electricidade de orixe hidráulica marcou onte prezos máis elevados que a gasística

O prezo da luz aumentou en 1.025% no último ano

O prezo da luz rexistrou onte un novo máximo. Mentres os custos da electricidade se converten nun dos máis importantes problemas de familias e empresas, as grandes corporacións enerxéticas rexistran beneficios máximos. A chave non está no gas, que representa 15% da electricidade, senón no modelo marxinalista.

1
photo_camera A especulación e a natureza do mercado marxinalista está detrás da alza dos prezos da luz

O prezo da luz incrementouse en 1.025% no último ano. Segundo os datos achegados polo Operador do Mercado Eléctrico Ibérico (OMIE), a electricidade marcou na terza feira de 8 de marzo un prezo medio no mercado grosista de 544,98 euros megawatts, chegando entre as 19 e 20 horas do serán a un máximo de 700 euros megawatts. Neste sentido, a electricidade alcanzou o seu prezo máis baixo entre as 13 e 16 horas do serán, aínda así a uns niveis moito máis altos que hai un ano, cando o custo da luz se situou en 53,16 euros megawatts.

A suba dos prezos

O aumento dos prezos da electricidade déixase notar nos mercados domésticos e na actividade empresarial. A este respecto, nas últimas horas anunciouse o paro parcial da actividade en parte da flota de Celeiro, en Viveiro, e o total na siderurxia de Megasa en Narón. Porén, estas medidas non son novas, dado que boa parte das electrointensivas galegas, como Celsa na Laracha, Ferroglobe en Arteixo e Xeal en Cee, traballan desde hai meses moi por debaixo das súas posibilidades de produción.

Os datos do mercado enerxético de onte amosaron que o gas non foi a tecnoloxía máis cara durante todo o día para xerar electricidade. Así, das 24 horas do día, o gas natural só foi a fonte de produción máis cara en oito, rexistrándose o prezo máis alto ás 19 horas da tarde pola tecnoloxía hidráulica. Nesta liña, o membro do colectivo Bidán Fernando Branco pregúntase “quen pode explicar que a xeración hidráulica que, coas centrais amortizadas, ten un prezo estimado de xeración de entre 3 e 7 euros megawatts oferte a súa produción a 700 euros, cun 10.000% de beneficio”.

Branco sinala a Nós Diario “que o mercado eléctrico, por decisión política, é marxinalista. O prezo de cada hora vén marcado pola última tecnoloxía necesaria para xerar a enerxía coa que atender o consumo previsto”. “Neste escenario actual, e segundo o discurso oficial, o normal sería pensar que é o gas natural quen provoca os altos prezos”, sinala Branco, quen nega esa opción e defende como alternativas a curto prazo “desligar o gas natural do mercado grosista e marcar un tope para o prezo da enerxía de orixe hidráulica, nuclear e eólica”.

"O que vén é preocupante"

A profesora da Facultade de Económicas da  Universidade de Santiago de Compostela Rosa Regueiro expón a Nós Diario que non quere "ser alarmista", mais o que vén, di, "é preocupante porque se está disparando o prezo da luz, afogando familias e empresas e se non cambiamos o modelo marxinalista isto non ten solución”. “Isto era algo anunciado no modelo marxinalista”, asevera Regueira, que destaca que “no caso do Estado español o gas non representa unha cantidade significativa, de feito só 15% da electricidade procede do gas, para alterar deste xeito a factura da luz”.

“A bomba que supón este sistema e a fixación de prezos estourou porque é absolutamente ineficiente e non pode ser que hidroeléctricas e hidráulicas sigan cobrando por custos que non soportan pero se lles remuneran”, continúa Regueira, que denuncia “o produto financeiro especulativo no que se converteron os dereitos de emisión de CO2”.

O economista da USC Adrián Dios amósase convencido en declaracións a Nós Diario de que “as causa da alza do prezo da luz están nos mercados financeiros especulativos”. A guerra de Ucraína "é unha coartada”, defende Dios, que sinala que “onte vimos morrer o sistema marxinalista de fixación de prezos, un modelo que non pode funcionar ben para os consumidores porque está pensado para que as empresas eléctricas logren os máximos beneficios”.

Comentarios