Análise

Unha carreira política coa mirada sempre posta en Madrid

O abandono da Galiza e a súa marcha a Madrid significa para Feixoo cumprir coas aspiracións de toda unha vida. O aínda presidente galego, horas antes do acto desenvolvido no pavillón Fontes do Sar, nun encontro realizado na sede da Fundación Santiago Rey, recoñeceu que “é unha decisión precipitada polos últimos días e semanas, pero tamén meditada durante os últimos anos. É unha combinación de meditación e precipitación, aínda que pareza contraditorio”.

Alberto Núñez Feixoo e Isabel Díaz Ayuso (Foto: Europa Press).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Isabel Díaz Ayuso (Foto: Europa Press).

"Os acontecementos das últimas semanas obrigáronme a tomar unha decisión que nin foi buscada nin foi ambicionada. O que pasa é que hai momentos na vida na que un ten que tomar decisións. E cando só tes unha, tómaa. E tómaa rápido”, continuou Feixoo, empregando un argumento pouco convincente para explicar a súa posición interna durante da etapa de Pablo Casado á fronte da formación e os seus movementos das últimas semanas.

Alberto Núñez Feixoo liderou á oposición interna contra o equipo de Casado durante todos estes anos coa ollada posta en Madrid. Neste camiño, sumou primeiro a aqueles dirixentes territoriais que optaron por Soraya Saenz de Santamaría no congreso do PP de 2018, entre eles a Juan Manuel Moreno Bonilla e Alfonso Fernández Mañueco, para ampliar a súa rede a medida que Casado rachaba co sector máis ultra do partido.

Os poderes fácticos sempre viron en Feixoo o recambio necesario para dirixir a dereita. A esta idea contribúeo a fluída relación entre o presidente galego cos máis significados directivos empresariais, exemplificada na súa ligazón con Florentino Pérez e con Ignacio Sánchez Galán, así como a súa posición confesional coas teses da patronal, moi enfrontada ao grupo de Casado.

A decisión do capital de defenestrar a Casado adoptouse unha vez que este tentou tirar abaixo a reforma laboral pactado polo Executivo de Sánchez coa Comisión Europea e a cuxa aprobación está ligada á concesión ao Estado dos fondos Next Generation.

Un programa de axuda que vai implicar importantes retallos sociais e a conseguinte concertación entre os principais partidos do réxime. Feixoo é precisamente a opción fiábel para ese momento.

Comentarios