23-X

O Goberno do Estado dependerá de pactos coas forzas nacionalistas

Os 26 escanos das forzas nacionalistas de Catalunya, Euskadi e Galiza resultarán decisivos para elixir o vindeiro presidente do Goberno do Estado, ao non sumar maioría absoluta o bloque de dereitas, que fica en 171 deputados.

María Jesús Montero e Pedro Sánchez, celebrando os resultados en Ferraz.
photo_camera María Jesús Montero e Pedro Sánchez, celebrando os resultados en Ferraz. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

A representación do nacionalismo no Congreso dos Deputados mingua en relación coa pasada lexislatura; porén, as súas 26 actas serán chave para determinar o próximo Goberno do Estado. Neste sentido, destaca a baixada de 7 escanos do independentismo catalán, focalizada en ERC, mantendo o nacionalismo galego e vasco as mesmas actas de 2019. Aínda así, nun caso e noutro a foto final fica lonxe das expectativas marcadas ao comezo da campaña.

A ausencia dun acordo de Pedro Sánchez coas forzas nacionalistas abocan a un adianto electoral. Nesta liña, cómpre destacar que Junts per Catalunya, a formación liderada desde o exilio belga por Carles Puigdemont, advertiu durante a campaña que non apoiaría un Goberno en Madrid que non aceptase a celebración dun referendo en Catalunya. Ao tempo, o resultado de ERC, de cuxos votos dependeu Pedro Sánchez na anterior lexislatura, adiantan unha negociación máis complicada para os de Oriol Junqueras.

As dereitas españolistas

O bloque de dereitas alcanzou 171 escanos, que resultan insuficientes para formar Goberno. Nesta dirección, o PP de Alberto Núñez Feixoo consegue 136 deputados, fronte aos 89 das anteriores estatais, e convértese na forza máis votada, pero moi lonxe das expectativas da formación e das proxeccións das diversas sondaxes. A este respecto, o resultado dos populares avanza unha crise de liderado, no caso de non ser capaces de formar Goberno, coa presidenta madrileña Isabel Díaz Ayuso como candidata mellor situada para suceder Feixoo.

Vox, que obtivera 52 actas en novembro de 2019, é a formación que rexistra unha maior caída, ficando en 33 escanos. O partido de Santiago Abascal non consegue, outra volta máis, actas nas circunscricións galegas. A representación da dereita complétase co deputado de Coalición Canaria e de Unión do Pobo Navarro (UPN).

O bloque de esquerdas

Os partidos do Goberno do Estado suman 153 escanos. Neste reparto o PSOE mellora os resultados de hai catro anos e obtén 122 deputados fronte aos 120 de 2019, ficando Sumar, de Yolanda Díaz, en 31 (Podemos obtivera en novembro de 2019 un total de 33 actas) . As posibilidades destas dúas formacións de continuar á fronte do Executivo dependerán da súa capacidade para chegar a acordos coas forzas nacionalistas, cuxo punto de partida será máis esixente que en 2019.

Os resultados finais do bloque de esquerdas están por encima das proxeccións da maioría das sondaxes. Precisamente, as enquisas son as grandes derrotadas destes comicios, xa que, maioritariamente, apostaban por unha maioría absoluta da dereita e da extrema dereita ultraespañolista.

Comentarios