23-X

Sánchez ve un "fracaso do bloque involucionista" e Feixoo avanza que non renunciará ao Goberno

As comparecencias de Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feixoo ante os seus militantes foron triunfais. Ambos os dous candidatos vense gañadores após as eleccións deste domingo e, mentres o PSOE celebra que as urnas derrotaron "os que propuñan unha derrogación total de todos os avances dos últimos catro anos", o PP vese como claro gañador malia a dificultade para pactar co resto de forzas e pide "que ninguén tente bloquear España". Non faltaron na celebración do PP o "que te vote Txapote" nin os berros de "Ayuso, Ayuso" mentres interviña Feixoo, que rematou cun "boas noites e viva España" para dar paso a dous canóns de confeti.
Celebración de socialistas e populares nas súas respectivas sedes en Madrid. (Fotos: Europa Press - PP)
photo_camera Celebración de socialistas e populares nas súas respectivas sedes en Madrid. (Fotos: Europa Press - PP)

En medio dunha grande euforia e con berros de "presidente" saíu Pedro Sánchez a unha plataforma situada diante da fachada da sede do PSOE en Ferraz (Madrid) e, cun ton triunfal, celebrou o resultado deste domingo como unha vitoria: "Sacamos máis votos, máis porcentaxe e máis escanos que en 2019. Grazas, de corazón". Se ben é certo que o PP foi primeiro con 136 actas —14 máis—, a diferenza total en votos entre populares e socialistas reduciuse a pouco máis de 300.000 votos.

"Creo que España foi ben clara, meridiana e rotundamente clara. O bloque involucionista, de retroceso, que propuña unha derrogación total de todos os avances dos últimos catro anos fracasou", dixo, en referencia ás propostas que PP e Vox trasladaran durante a campaña. Para Sánchez, a cidadanía do Estado español demostrou durante esta xornada "un comportamento exemplar, como sempre". "Demostramos que somos unha democracia forte e limpa, unha gran democracia".

"Aqueles que propuñan o machismo, o retroceso en dereitos e liberdades, fracasaron. PP e Vox saíron derrotados, somos moitos máis os que preferimos que España siga avanzando. E así seguirá a ser", asegurou o aínda presidente do Goberno español.

Na mesma liña manifestouse a súa socia en Moncloa, a vicepresidenta segunda, ministra de Traballo e líder de Sumar, Yolanda Díaz. "A esperanza venceu o medo [...] Hoxe España e Europa respiran mellor", manifestou, nunha comparecencia ante os medios para proclamar que o bloque progresista gañou o da dereita. Acompañada dos principais dirixentes dos partidos que conforman a coalición, aos que deu as grazas, prometeu que van "gobernar mellor" na seguinte lexislatura, ampliando dereitos para a cidadanía.

Yolanda Díaz, da mesma forma que durante a campaña, salientou que as forzas da dereita ían "cun relato" de que, con base nas enquisas, gañarían as eleccións e que, finalmente, a súa formación "cambiou ese guión" para facer posíbel, dixo, cambiar a vida da xente. "O guión do 23-X escribírono democraticamente os españois", salientou.

Diante da sede do Partido Popular na rúa de Génova, en Madrid, Alberto Núñez Feixoo reivindicou o seu triunfo nas urnas como primeira forza. Comezou a súa intervención, tamén entre berros de "presidente", cun "grazas, España; grazas, Madrid", e celebrou como "o máis importante da noite" que o PP "volveu gañar unhas eleccións após sete anos", cando en 2016 fora Mariano Raxoi o máis votado.

"Os españois saben que pasamos de segunda forza, con 89 escanos, a primeiros con 136. Pasamos de 21% a 33%. Gañamos en 40 das 52 provincias, e temos unha maioría, probabelmente absoluta, no Senado. Nunca antes o noso partido subira con tanta intensidade —en comparanza con 2019—", dixo, para despois cuestionar que "o Goberno de coalición non gañou un só deputado". Acto seguido, os alí presentes corearon o cántico impulsado pola extrema dereita contra Sánchez, "que te vote Txapote".

Feixoo recibiu berros de "presidente"... e tamén de "Ayuso, Ayuso!"

Feixoo xa avanzou que non renunciará a presidir o Goberno español: "A xente pediu que dialoguemos. Creo que o meu deber é abrir ese diálogo para intentar gobernar este país. Os españois falaron e convén escoitalos. Como candidato con máis apoio nas eleccións, con toda a humildade pero con determinación, iniciarei o diálogo para formar goberno de acordo coa vontade das urnas. E pido que ninguén teña a tentación de volver bloquear España", dixo. O líder do PP rematou a súa alocución ante os seus fieis cun contundente "boas noites... e viva España!". Dous canóns de confeti puxeron o ramo á festa dos conservadores. Previamente, alén dos berros de "presidente", púidose escoitar un potente "Ayuso, Ayuso!" aos pés da sede do PP, nun momento no que a Feixoo lle cambiou por completo a cara após interromper o seu discurso.

Desde as filas da extrema dereita, Santiago Abascal foi especialmente crítico con Núñez Feixoo, a quen acusou de "andar a repartir vicepresidencias e ministerios" e eludindo "ir a debates" amparándose, dixo, nunhas enquisas que lle daban un apoio moito maior que a que finalmente recibiu e que o líder ultra cre que estaban "manipuladas". "E a consecuencia diso foi a desmobilización", dixo, sobre a perda de 19 escanos da súa formación.

Comentarios