23-X

Alfonso Rueda di que as urnas "pediron" que Feixoo sexa o vindeiro presidente español

Afirma que o "extraordinario" resultado do PP na Galiza é unha resposta á "discriminación" do Goberno de Pedro Sánchez.
PP europa press
photo_camera (Foto: Europa Press)

Alfonso Rueda, presidente da Xunta e do PP na Galiza, compareceu xa pasada a media noite para parabenizar o partido polos “magníficos resultados” logrados. “Gañamos claramente en España e gañamos claramente na Galiza”, apuntou.

Para Rueda, a “contundente” vitoria do PP na Galiza fica clara ao lograr 13 dos 23 deputados e deputadas a elixir polas circunscricións galegas e en que “logramos todos os senadores que se podían escoller hoxe: 12”.

"Moitísimas grazas por este apoio", trasladou aos galegos, antes de manifestar que espera que "a forza" que a Galiza entrega nesta cita coas urnas sirva para "garantir a gobernabilidade e evitar bloqueos" en España.

O presidente do PP na Galiza continuou a debullar datos para enfatizar a vitoria do PP. “Tivemos agora 216.000 votos máis que en 2019”, dixo, “logramos 43% dos sufraxios, 11 puntos máis que hai catro anos”.

E todo isto, asegurou, foi grazas á “resposta” que o pobo galego deu ás políticas de “discriminación para a Galiza” do Goberno español que preside Pedro Sánchez. Unha “discriminación” que fixo que o PP tivese este domingo “o seu mellor resultado electoral na Galiza nunhas eleccións estatais nos últimos 10 anos”.

Ademais, para o tamén presidente da Xunta a mensaxe clara que este domingo saíu das urnas foi o de que estas, as urnas, “pediron que o vindeiro presidente español sexa Núñez Feixoo”. “A el tócalle agora, por gañar as eleccións, intentar gobernar”, concluíu.

O Partido Popular foi a forza máis votada en 299 dos 313 concellos galegos. Obtivo case 699.000 votos. Foi a forza máis votada nas catro circunscricións galegas, tendo na de Lugo máis de 50% dos votos (50,3%).

Comentarios