Pablo Iglesias carga contra Gómez Reino: "Hai cus que necesitan ocupar un escano"

Antón Gómez Reino confirmou hai uns días que acudirá ao acto que Yolanda Díaz organizará o 2 de abril previo á constitución da plataforma Sumar que, previsibelmente, se presentará aos vindeiros procesos electorais.
Pablo Iglesias, Antón Gómez Reino e Yolanda Díaz nunha imaxe de arquivo (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Pablo Iglesias, Antón Gómez Reino e Yolanda Díaz nunha imaxe de arquivo (Foto: M. Dylan / Europa Press).

O que fora vicepresidente do Goberno español e un dos fundadores da formación política Podemos, Pablo Iglesias, falou nun programa da Cadena Ser no que se referiu ao deputado galego no Congreso por Galicia en Común, Antón Gómez Reino.

No decorrer do programa, Iglesias asegurou a respecto das listas electorais que “é importante facelas ben, non porque haxa cus que necesiten ocupar un escano, que tamén os hai” en referencia a Gómez Reino.

O ex vicepresidente do Executivo estatal, que se referiu a Gómez Reino como “amigo” continuou reprochando que “o outro día escoitaba un amigo dicir 'estou no ecuador da miña carreira'. Meu, isto non o digas en público. Unha cousa é que ti queiras estar no ecuador da túa carreira, Tone [alcume co que se coñece a Gómez Reino], e outra é que digas en público que queres estar outros sete anos máis ocupando un cargo”.

Mais, se aínda ficasen dúbidas, o propio Iglesias confirmou que, efectivamente, facía estas declaracións en referencia a Gómez Reino: “Hai ambicións persoais que hai que disimular nunha entrevista”.

Gómez Reino irá ao acto de Sumar

Antón Gómez Reino confirmou hai uns días que acudirá ao acto que Yolanda Díaz organizará o 2 de abril previo á constitución da plataforma Sumar que, previsibelmente, se presentará aos vindeiros procesos electorais.

Prevese que ese mesmo día 2 de abril, Díaz confirme se se postula como candidata á Presidencia do Goberno estatal.

Comentarios