Gómez-Reino di agora que decisión de non continuar a fronte de Podemos "xa estaba en mente"

Os inscritos de Podemos prepáranse para escoller a súa dirección galega nun proceso de primarias a celebrar entre o 4 e 8 de decembro. Tecer Galiza, unha das tres candidaturas no proceso presentou hoxe a súa proposta.

Antón Gómez-Reino. (Foto: Europa Press)
photo_camera Antón Gómez-Reino. (Foto: Europa Press)

O acto de presentación da candidatura á dirección de Podemos de Tecer Galiza serviu para que Antón Gómez-Reino explícase as razóns da súa renuncia á secretaria xeral da formación, só 48 despois de facer pública a súa intención de optar un mandato máis ao cargo.

Gómez-Reino deu a entender que a súa alternativa non suscita os consensos necesarios dentro da formación. Neste sentido, asegurou que adoptou a decisión de non repetir desde a perspectiva que a alternativa Borja San Ramón representa, “senón a unidade, á maioría da organización" porque considera que é "suficientemente ampla e consolidada" para que "a asemblea cidadá se resolva positivamente”.

O paso de Gómez-Reino

O dirixente morado considerou que "é o momento de dar ese paso", chegando a afirmar que a decisión de non continuar “estaba en mente" pero que "necesitaba un empuxón". Na mesma dirección, asegurou que a candidatura que apoia “representa á maioría da organización".

As candidaturas rivais a Tecer Galiza ofrecen outra interpretación. Así, membros das mesmas consultados por Nós Diario indican que “Gómez-Reino deu un paso atrás premido pola dirección estatal de Podemos, quen ameazou con acudir a Galiza a apoiar outra candidatura diferente a del”.

As mesmas fontes indican que o voceiro de Galiza en Común no Congreso dos Deputados está cada día máis lonxe das posicións do aparato estatal de Podemos. A súa evidente proximidade a Yolanda Díaz sepárao da dirección do partido morado, cada día máis confrontado a ministra de Traballo de Sánchez.

A candidatura de Borja San Ramón

O candidato a secretario xeral de Podemos por Tecer Galiza, Borja San Ramón,  pasa por ser unha persoa próxima a Gómez-Reino. Durante estes últimos anos fixo parte da dirección da organización morada na Galiza, exercendo de secretario de Organización. 

San Ramón defendeu a súa candidatura indicando que se presenta a secretario xeral “despois de anos de percorrer a organización de punta a punta coñecendo a todos os militantes e inscritos e a toda a xente activa”.

O candidato apoiado por Gómez-Reino á secretaría xeral de Podemos indicou que é o momento de "priorizar" e de “pór en funcionamento a maquinaria da organización para todo o que vén”. "Estamos convencidos de que imos ser unha sorpresa nas próximas municipais", exclamou, antes de engadir que “200 persoas se presentaron ás primarias en 50 concellos distintos”.

O dirixente morado significou que  o noso obxectivo é empezar a prepararnos e a traballar nunha alternativa ao Goberno que temos agora na Xunta da Galiza" e amosouse convencido que sen eles “é imposíbel un cambio político neste país”.
 

Comentarios