Sesión de investidura

Oxea (DO) avanza a súa abstención á investidura de Rueda, a quen afea a "falta de compromisos" con Ourense

O deputado entende que o presidente en funcións merece unha "marxe de confianza" para poder reverter a "discriminación sempiterna" cara á provincia de Ourense.
O deputado de DO, Armando Oxea, esta terza feira atendendo aos medios de comunicación nos corredores do Parlamento. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera O deputado de DO, Armando Oxea, esta terza feira atendendo aos medios de comunicación nos corredores do Parlamento. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O deputado de Democracia Ourensá, Armando Oxea, avanzou esta terza feira, logo de escoitar a intervención do presidente en funcións e aspirante a revalidar o cargo, Alfonso Rueda, que se absterá na votación por mor, esencialmente, da "falta" de compromisos coa provincia de Ourense que percibiu durante o seu discurso, que definiu como "plúmbeo" e "cheo de vaguedades e xeneralidades". Así se pronunciou o parlamentario que integra o Grupo Mixto en declaracións aos medios após a conclusión do discurso que abriu hoxe a sesión de investidura de Rueda.

Oxea desvelou que non bloqueará —"tampouco teño capacidade", recoñeceu— a investidura que Rueda ten garantida a vindeira quinta feira grazas á maioría absoluta do PP da Galiza, pois entende que merece unha "marxe de confianza" para poder reverter a "discriminación sempiterna" cara á provincia de Ourense que, afirmou o deputado, mantivo a Xunta durante os anos de autogoberno.

O representante na Cámara do partido que lidera o alcalde ourensán, Gonzalo Pérez Xácome, centrou as súas críticas cara ao discurso de Rueda na súa falta de mencións cara á provincia de Ourense que, subliñou, unicamente foi nomeada na súa intervención "de forma tanxencial" cando se referiu á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.

Para Oxea, Rueda "falou moito" en clave estatal no seu discurso. "Non sei se está a pensar no seu subconsciente que é deputado ou senador", preguntouse o parlamentario, que censurou que o candidato dedicase tempo en intervención á política estatal "coma se estivese no Congreso ou o Senado". Segundo o deputado de Democracia Ourensá, o aspirante popular á reelección centrou as súas palabras en "autoalabar" o seu goberno "e falar marabillas da Galiza" actual. "Se vai seguir sendo así, non vai ser a Galiza que nos gusta na provincia de Ourense", apostilou.

Como exemplo disto, destacou que Rueda sinalase "que a poboación da Galiza aumentou nos últimos anos", o que o levou a preguntarse "por que" ocorre isto cando na provincia de Ourense "baixa tanto" o número de habitantes. Para Oxea, isto ou a falta de compromisos en materia de infraestruturas "fala ás claras de que existe unha discriminación" desde a Xunta cara á provincia ourensá, onde "xa lles gustaría" aos habitantes dalgunhas zonas "poder queixarse do mal estado" das autovías porque alí "non teñen ningunha". En todo caso, recoñeceu que houbo cuestións que lle gustaron do discurso de Rueda, como as bonificacións aos autónomos ou os anuncios sobre concentracións parcelarias no rural, cuestións que "poden beneficiar a Ourense".

Após censurar a "media hora de aplausos" dedicados polos deputados do PP ao seu candidato e que, ao seu xuízo, non deberían estar permitidos por interromper o debate, Oxea mostrou a súa confianza en que Rueda sexa capaz de articular unha política "que non sexa continuista" desde a Xunta para romper coa "herdanza" dos seus predecesores no trato cara á provincia de Ourense.

Comentarios