A Xunta deixará de ingresar 34 millóns ao bonificar o patrimonio a 7.700 fortunas

As contas de 2024 manteñen a bonificación a 50% do imposto ao patrimonio.
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos (esquerda), entregou onte ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, o proxecto de Orzamentos para 2024. (Foto: Parlamento)
photo_camera O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos (esquerda), entregou esta sexta feira ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, o proxecto de Orzamentos para 2024. (Foto: Parlamento)

A Xunta da Galiza deixará de ingresar en 2024 ao redor de 34 millóns de euros como consecuencia de manter a bonificación ao patrimonio de 7.700 fortunas na Galiza. As contas para o vindeiro ano non recuperan, malia as demandas nese sentido da oposición e de colectivos e entidades sociais, a chamada Tarxeta Social —cartón de axuda para adquirir produtos básicos e medicamentos e que beneficiaba 50.000 familias—, mais si manteñen a bonificación a 50% do imposto ao patrimonio.

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, destacou que as contas recollen beneficios fiscais que inclúen todos aqueles ingresos que a Xunta da Galiza "prefire deixar de ingresar para que revertan principalmente ás familias e aos fogares".

Facenda reivindica que as rebaixas fiscais soben en 94 millóns nos orzamentos da Xunta para 2024, o que supón un incremento de 15,9% a respecto das previsións de 2023, até os 686 millóns. Unha cantidade que a Administración galega deixará de ingresar.

Corgos, ademais, xustificou que o bono deportivo de 120 euros para axudar familias con fillas e fillos de entre 6 e 16 anos, federados nalgún deporte, sexa universal, sen discriminar por renda, ao tempo que asegurou que para os libros de texto existe un "sistema de intercambio que beneficia todo o mundo".

Desbotou así recuperar a gratuidade, malia que 75% das familias galegas endebédanse para pagar os libros de texto, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE).