Consello da Xunta

O Goberno galego eleva o teito de gasto nos orzamentos de 2024 a unha cifra récord de 13.257 millóns

A cifra parte de estimacións "realistas" e "prudentes", afirma o presidente Alfonso Rueda.
O presidente Alfonso Rueda, no Consello do Goberno galego desta cuarta feira. (Foto: Xunta)
photo_camera O presidente Alfonso Rueda, no Consello do Goberno galego desta cuarta feira. (Foto: Xunta)

Os orzamentos da Xunta da Galiza alcanzarán no vindeiro exercicio o maior teito de gasto desde que existe este mecanismo. Serán 13.257 millóns de euros, 637 máis que nas contas de 2023, o que se traduce nunha repunta próxima a 5%. Esta cifra, asegurou o presidente Alfonso Rueda en rolda de prensa após a reunión semanal do seu Goberno, na que se lle deu luz verde á medida, baséase en estimacións "prudentes" e "realistas". Canda el compareceu o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, para debullar as previsións económicas da Xunta de cara a 2024.

Ambos os dous dirixentes cargaron duramente contra o Executivo español pola súa "demora" en achegar toda a información pertinente, pois en San Caetano  presentaron estas contas sen coñecer as entregas a conta do Estado nin o límite de déficit. Mais, en calquera caso, calquera revisión dos datos será "á alza", asegurou Corgos, e o risco de que sexa á baixa é "mínimo".

Con todo, elevar ao máximo histórico o teito de gasto non implica, necesariamente, un investimento tamén de récord, pois o Goberno galego deixou sen executar entre os anos 2010 e 2020 un total de 9.624 millóns de euros sobre os 114.984 orzamentados en total, o 8,36% e unha media de 874 millóns por cada anualidade, segundo o informe Os orzamentos liquidados galegos 2010-2020, do economista Xosé Díaz.

A Xunta, aliás, actualiza a súa previsión de crecemento do PIB para o presente ano até 1,8%, unha décima máis do previsto nos orzamentos, e agarda para 2024 medrar na contorna de 1,9%. E en materia de emprego, o Executivo estima que a taxa de paro caerá a 9,8% ao remate do ano e catro décimas máis en decembro do vindeiro.

Na reunión desta cuarta feira a conselleira e vicepresidenta segunda, Ánxeles Vázquez, fixo balance do grao de cumprimento do Pacto Social pola Vivenda 2021-25 e afirmou que, até o momento, xa se executaron 40 das 45 medidas, "o 89%", gabouse Rueda, que salientou que perto de 9.250 familias obtiveron axudas ao alugueiro ou compra de vivendas e que se rehabilitaron case 20.000 inmóbeis perante o programa Rexurbe.

Tamén presumiu do obxectivo de construír 1.600 vivendas protexidas no barrio vigués de Navia e outras 1.100 no coruñés de Xuxán, case a metade das apenas 5.597 que impulsou a Xunta entre 2010 e 2020.

Comentarios