domingo 27/09/20

A oposición pide a palabra para a desescalada

O diálogo do Goberno galego co resto das forzas políticas está "conxelado". É a crítica que fai a oposición ao papel "partidista" do presidente da Xunta, ao que lle reclama que devolva ao Parlamento capacidade de negociación de cara ao necesario plan de reactivación social e económica.
Feixoo solicitou comparecer esta semana no Parlamento. (Europa Press)
Feixoo solicitou comparecer esta semana no Parlamento. (Europa Press)

A suspensión, por terceira vez, da videconferencia prevista para este domingo entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e as portavoces da oposición espertou nas últimas horas críticas de todos os grupos, que afean a Feixoo pedir diálogo ao Goberno estatal mentres se fecha a el na Galiza e que reivindican recuperar a voz tanto para coñecer como para achegar propostas para contribuír na recuperación do país após o punto álxido da pandemia. 

Desde o PSdeG, o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, chamou a empregar "todos os resortes e capacidades das Administracións públicas” para combater a crise que deixa a COVID-19 e comprometeuse a achegar o "maior esforzo" para construír "unha folla de ruta" que axude a recuperarse ao tecido produtivo galego. Nese sentido, xa o domingo anunciaba a constitución dun comité experto, do que farán parte os ex presidentes da Xunta socialistas parte os ex presidentes da Xunta de Galiza Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe, cuxo papel, indica Caballero, será deseñar "unha nova política económica ao servizo da cidadanía para “a Galiza do futuro", "dar resposta ás necesidades da Galiza" e "orientar" a saída desta crise tras "unha década sen política económica nin industrial".

Caballero chama a activar a iniciativa e a capacidade económica do Goberno galego, que "ten que tomar medidas para acompañar as empresas, os autónomos e os traballadores", recalcou. Como lembra o máximo dirixente do PSdeG, a Xunta ten competencias en materia económica, industrial, de comercio, nas relacións laborais, nas políticas activas de emprego… polo que o seu Goberno "ten que ser a panca e o impulso para a economía en tempos de dificultade".  

"Feixoo pide diálogo pero négase a reunirse coa oposición; pide transparencia e oculta datos, critica o plan da desescalada do Goberno pero non propón ningunha alternativa… O único que pretende é sacar rédito electoral desta crise", advertiu onte o portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, quen tildou de "burla á cidadanía galega" o novo plante do presidente aos grupos da oposición. 

Esa falta de diálogo responde, a ollos de Gómez Reino, á "estratexia" do Goberno galego durante a emerxencia sanitaria: "Desprezar a oposición e o Parlamento da Galiza, dificultar o traballo do Goberno estatal con críticas sistemáticas e destrutivas sen ofrecer alternativas razoábeis e obstaculizar a tarefa das persoas expertas negándose a facilitarlles os datos sobre a evolución da epidemia".

Tamén desde o BNG, a súa portavoz nacional, Ana Pontón, censura que Feixoo "cancele o diálogo –coa oposición–cando máis falta fai" e lamenta que "actúe en solitario", cunha única comparecencia no Parlamento galego desde que comezou a crise, fronte ás 23 intervencións para os medios de comunicación. Xusto onte, o portavoz do grupo popular avanzaba que o presidente volverá comparecer esta semana.

 Pontón avoga, como reiterou onte, por un "grande acordo de país consensuado no Parlamento entre Goberno, forzas políticas, axentes sociais e todos os sectores capaces de achegar propostas para a recuperación económica e social da Galiza". 

"Ao lado da repercusión sanitaria da pandemia, hai outras consecuencias de extrema gravidade no ámbito económico e laboral que baten de cheo na vida das persoas", sinalou, para demandar un plan de reconstrución económica e social "que debe fraguarse nunha mesa de negociación no Parlamento". Para iso, a líder nacionalista reclama ao xefe do Executivo que "abandone a trincheira partidista e teña alturas de miras".

comentarios