Feixoo ignora de novo á oposición á vez que censura ao Estado dar as costas as autonomías

Galicia en Común e BNG reprochan ao presidente da Xunta incumprir de novo a súa palabra de reunirse semanalmente coa oposición. Ademais, aseguran que a súa crítica ao estado de alarma responde a criterios electorais.
Comparecencia do conselleiro de sanidade na Deputación Permanente (Parlamento).
photo_camera Comparecencia do conselleiro de sanidade na Deputación Permanente (Parlamento).

Na mesma xornada na que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, acusou ao Estado de dar as costas as autonomías, a oposición denuncia que volve incumprir a súa promesa dunha reunión semanal coas forzas políticas.

Galicia en Común e BNG reprocharon ao líder do Executivo galego actuar en solitario sen contar coas propostas do resto de partidos e acusárono de criticar o estado de alarma exclusivamente por intereses electorais, en tanto que ata que se levante non se poderán celebrar os comicios.

“Volvemos pedir ao presidente que asuma a súa responsabilidade e que asuma que lle toca liderar unha resposta de todas as institucións galegas e o conxunto de forzas do país para combater a epidemia e os seus efectos socioeconómicos”, afirmou o líder da coalición de Galicia en Común con Anova e as mareas, Antón Gómez Reino, en relación a un novo “desplante” de Núñez Feixoo.

“Actúa en solitario e rexeita o apoio que lle brindamos, con esa actitude o señor Feixoo, que golpea sistematicamente ao Goberno do Estado, que non traballa de forma coordinada coas Administracións municipais, tan importantes neste momento da crise contra o coronavirus, despreza ao conxunto da cidadanía galega”, engadiu Gómez Reino.

A voceira nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, lembrou que é a terceira vez que incumpre a súa palabra dunha reunión coas forzas políticas. “Non ten credibilidade un Feixoo que pola mañá reclama diálogo a Sánchez e que pola tarde cancela o diálogo na Galiza xusto cando máis necesario é”, asegurou.

Pontón destacou a “singular” concepción do líder do Goberno galego toda vez que compareceu “vinte e tres veces nos medios de comunicación” e “unha soa” no Parlamento da Galiza. “É un erro que se pida que en Madrid siga funcionado único”, aseverou Pontón en relación a unha medida apoiada por Núñez Feixoo.

A líder do BNG referiuse a Núñez Feixoo como “un presidente que prefire estar na crítica, botando balóns fóra, que responsabilizarse do futuro do país”. “O cuestionamento que fai do estado de alarma non se xustifica na defensa dos dereitos e liberdades senón en que quere poñer na axenda o calendario electoral”, expuxo Pontón.

Comentarios