Política

Feixoo comparecerá dúas veces ao mes no Parlamento após un acordo de todos os grupos

PP, PSdeG, Grupo Común da Esquerda, BNG e Grupo Mixto acordan unha proposta conxunta para o funcionamento da Deputación Permanente, o máximo órgano parlamentar entre lexislaturas, mentres se manteña a emerxencia sanitaria.
Última reunión da Deputación Permanente (Parlamento).
photo_camera Última reunión da Deputación Permanente (Parlamento).

Todos os grupos con representación no Parlamento galego presentaron esta segunda feira unha proposta conxunta para o funcionamento da Deputación Permanente, "con carácter excepcional", mentres permanezan as situacións de estado de alarma no Estado español e de emerxencia sanitaria na Galiza. 

Os grupos da oposición PSdeG, Grupo Común da Esquerda, BNG e Mixto (no que están as deputadas de En Marea) e mais o grupo do Partido Popular chegaron a un acordo para que a Cámara galega recupere parte da normalidade a pesar de terse disolto pola convocatoria das eleccións do 5 de abril, que ficaron canceladas polo coronavirus. 

Así, durante a vixencia da Deputación Permanente, o máximo órgano parlamentar entre lexislaturas, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, comparecerá "dúas veces ao mes, en semanas alternas, para informar sobre a situación derivada da pandemia da COVID-19 e as medidas e previsións" do Goberno galego ao respecto.

Esta foi unha demanda da oposición desde o inicio da crise, pois Feixoo só asistiu á Cámara galega nunha ocasión nestes case dous meses de estado de alarma. Segundo fontes consultadas por Nós Diario, a primeira comparecencia do presidente galego após este acordo podería ser esta mesma semana.

O acordo tamén contempla que haberá "unha reunión semanal" durante o tempo previsto para o período de sesións ordinario do Parlamento e que, nas semanas alternas ás da comparecencia de Feixoo, haberá "mínimo" unha comparecencia dun conselleiro ou conselleira e "até nove preguntas orais dos grupos parlamentares".

Comentarios