Ofensiva da oposición para profundar na investigación polos abusos sexuais na Igrexa

O PSdeG vén de presentar unha iniciativa parlamentaria na que reclama a implicación da Valedora do Pobo na investigación.
Misa na Igrexa da Paloma, na cidade de Madrid, o pasado agosto. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera Misa na Igrexa da Paloma, na cidade de Madrid, o pasado agosto. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

A Fiscalía Xeral do Estado asumiu esta semana a investigación sobre as denuncias de agresións sexuais e pederastia en colexios, congregacións e institucións relixiosas. Na Galiza, o Ministerio Fiscal ten abertos sete casos.

Ao tempo que o Partido Popular e o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, rexeitan que se investiguen no Congreso estes delitos, a oposición no Parlamento intensifica as súas reclamacións para que este asunto sexa investigado e levado perante a Xustiza.

Este tipo de denuncias están sendo reiteradas en Estados con presenza da Igrexa católica, e recentemente están a ser investigadas en países como Francia ou Chile.

Após a batería de propostas presentada polo Bloque Nacionalista no Parlamento, o Partido dos Socialistas de Galicia vén de presentar unha iniciativa parlamentaria na que reclama a implicación da Valedora do Pobo na investigación.

Paloma Castro, voceira de Interior e Xustiza da Formación no lexislativo, rexistrou a proposta na que lle solicita que reflicta “a situación de posibles abusos a menores por parte da Igrexa católica”.

Laiándose do rexeitamento de Feixoo a investigar as denuncias, subliña a importancia de “contribuír á determinación dos feitos e responsabilidades, á reparación das vítimas e a planificación de políticas públicas orientadas á prevención destes abusos”.

O voceiro de Política Institucional de PSdeG, Pablo Arangüena, que tamén asina a iniciativa, demanda á Xunta que facilite a investigación e colabore no que sexa preciso.

Protocolo para o ensino

Por mor da proliferación de casos, Aragüena solicita un protocolo específico para a comunidade educativa, que conte con “criterios orientadores e procedementos de actuación básicos, pero claros e completos” sobre como actuar nesas circunstancias.
 

Comentarios