Opinión

Feixoo: cisco en ollo alleo

[Xoán Costa]

A xerarquía da Igrexa católica galega, se nos guiamos polas palabras de Monseñor Barrio, acepta de bon grado unha comisión de investigación sobre os abusos a menores cometidos no seu seo.

E manifesta claramente, en oposición ao dito anteriormente polo portavoz dos bispos españois, que non é cuestión de número, que con que haxa un só caso, este ten que ser investigado. Indica así mesmo o prelado compostelán que, con independencia de que o tema dos abusos se estenda alén dos límites da igrexa, iso non debe ser motivo para non aceitar investigar o que acontece ou aconteceu dentro da propia institución.

Quer dicer, o cisco no ollo alleo non pode ocultar a trave que está no propio. É esta unha posición ben afastada da manifestada polo dirixente do PP de España señor Casado e polo dirixente do PP da Galiza e presidente da Xunta señor Feixoo.

Ambos proclamaron aos catro ventos que calquera comisión que se criase debería investigar todos os abusos, non só os da Igrexa. Saben eles ben que quen moito abraza, pouco aperta.

Comentarios