Aprobados os Orzamentos 2013 malia a oposición popular

A maioría absoluta do Partido Popular saca adiante as contas para este ano. A tensión entre os grupos parlamentares aumentou a medida que se achegaba a votación das emendas.

Como era de agardar a maioría parlamentar do Partido popular no Parlamento foi suficiente para aprobar os Orzamentos para 2013. Nin as concentracións que esta terza feira tiveron lugar nas cidades galegas, nin a oposición manifestada desde os sindicatos e colectivos sociais puido frear a aprobación dunhas contas públicas que guiarán a política da Xunta para o presente ano.

Uns Orzamentos en que tan só 7 das máis de mil emendas presentadas polos grupos da oposición foron tidas en conta e, no entanto, ningúnha delas foi aprobada. Somentes, unha transacción de última hora achegada como pacto entre PP e PSdeG sobre o dique flotante en Ferrol obtivo os votos favoráis d@s populares de Galiza. Non así, a aprobación de BNG e AGE que decidiron absterse habida conta que a transacción recollía unha partida orzamentaria de 5 millóns de euros fronte ao custo total do dique que supero os 140 millóns.

Malia a que a deputada nacionalista, Carme Adán solicitou explicar o voto do seu grupo, a presidenta da Cámara negoulle a palabra cuestión criticada entre as filas da oposición. Porén, si aproveitou a súa quenda de intervención o voceiro do BNG, Francisco Jorquera para afirmar que o seu rexitamento --baixo a fórmula da abstención-- á proposta de PSdeG e PP procuraba "non lavarlle a cara á Xunta" a respecto das súas responsabilidades co sector nava habida conta, asegurou Jorquera, que o Goberno español non recolle ningunha partida orzamentaria nas contas públicas destinada á construción do dique nin á garantía de carga de traballo para os estaleiros galegos. Aliás, o portavoz nacionalista fixo un chamamento ás bancadas populares para lles retrucar que "non tomen o pelo á cidadanía" logo de que a web da Xunta publicase como medida do executivo galego os 5 millóns aprobados --a proposta do PSdeG-- na Cámara. "Un erro", asegurou a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, que o goberno de Alberto Núñez Feijóo procuraría subsanar.

Momentos de tensión os vividos na última parte da sesións que se prolongou durante máis de cinco horas. As increpancias entre deputad@s aumentaron o seu ton nas últimas intervencións nas que mesmo se releron mutuamente o articulado do Regulamento cuxa interpretación por parte da presidenta da Cámara foi ao longo do proceso lexislativo orzamentario moi cuestionada por parte dos grupos da oposición.

Entrementres, ás portas do Pazo do Hórreo centos de manifestantes concentrábanse en defensa dos servizos públicos e do dereito ao traballo.

Comentarios