Emigrantes reclaman que a Xunta presione para eliminar a discriminación fiscal de Facenda

Galiza é unha grande perxudicada da discriminación fiscal ás persoas emigrantes e, por esta razón, a Coordinadora Nacional de Plataformas de Emigrantes Retornados esixiulle a Consellaría de Facenda da Xunta que presione ao goberno central para aclarar os termos da reforma de Montoro e eliminar a inxustiza das súas cotizacións. 

Manifestación Emigrantes Retornad@s
photo_camera Manifestación Emigrantes Retornad@s

Compromiso da Xunta diante de Facenda para defender os dereitos do colectivo de emigrantes que volveron á terra. Así se pode resumir as demandas que a Coordinadora Nacional de Plataforma de Emígrantes Retornados, Marusía levaron na mañá desta terza feira a súa xuntanza coa Consellaría de Facenda. Despois da reunión, Marusía fixo pública a súa solicitude para que o goberno galego se dirixa ao Ministerio co fin de aclarar o anuncio de Montoro da devolución das sancións e que reclame a eliminación das desigualdades fiscais que padecen coa modificación da lei. 

Demandan así que a Xunta elabore un informe no que se manifeste que están a tributar máis que outros pensionistas e que esixa ao goberno central que nas modificacións legais inclúan as da lei 35/006 co fin de garantir un trato igualitario. Marusía solicitoulle tamén á Consellaría que pedira unha xuntanza no Ministerio de Facenda e da Axencia Tributaria coa presenza de representantes da Coordenadora para trasladarlle as súas solicitudes. 

Falta de información 

Desde Marusía valoraron positivamente o anuncio de Montoro de eliminación de sancións en canto deixa de consideralos, segundo dixeron, “evasores e defraudadores fiscais” e recoñece que se lles tratou de maneira “inxusta e desproporcionada”. Aplauden que se abra un período de regularización e a devolución de sancións e intereses mais mostran a súa preocupación pola falta de información sobre o procedemento e os prazos nos que se desenvolverá este anuncio. De todas maneiras, continúan a defender que o colectivo de emigrantes que volveron á terra segue a padecer un trato discriminatorio por parte do Goberno español xa que, segundo afirman, as súas, “pensión seguen estando sometidas a maior presión fiscal que a da dos resto dos cidadáns”. 

Na xuntanza coa Consellaría de Facenda, reclamáronlle que fose este organismo da Xunta o que mediara para obter a información da que carecen, en especial, para que solicitara á Axencia Tributaria un informe coas persoas afectadas e as que teñen obriga de incluír as pensións na declaración, as situación das persoas con pensións por incapacidade ou a aclaración da maneira en que se vai realizar a devolución ás persoas que pagaron xa sancións e intereses. 

Reclámanlle tamén á Xunta que negocie co Estado “que esta aplicación da lei non teña carácter retroactivo e que polo tanto a regularización non afecte aos períodos impositivos anteriores”. 

Comentarios