Análise

Baixar impostos

O economista e escritor Marcelino Fernández Mallo prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.
Os impostos utilízanse para manter as contas públicas saneadas, factor chave para a estabilidade dunha economía. (Ilustración: Álex Rozados)
photo_camera Os impostos utilízanse para manter as contas públicas saneadas, factor chave para a estabilidade dunha economía. (Ilustración: Álex Rozados)

Esa é unha das primeiras solucións que receita Feijóo para a política española: baixar impostos. E anuncia con orgullo un plan que pretende reducir 15.000 millóns os ingresos públicos. Nada novo. A dereita mantense fiel ao dogma neoliberal de reducir impostos en calquera conxuntura. Tanto ten que o PIB medre ou caia, que o emprego suba ou se reduza, que as rendas gañen ou perdan poder adquisitivo, que a inflación estea baixo control ou desbocada, que a débeda pública amose cifras elevadas ou moderadas. A resposta dos partidos da dereita adoita ser a mesma: "Hai que baixar impostos".

As políticas neoliberais aférranse á chamada Curva de Laffer para defender a teoría de que a baixada de impostos estimula a actividade e aumenta a recadación. Dito así, a fórmula semella cando menos simple; a relación entre impostos e recadación dependerá de múltiples circunstancias, a primeira delas cales dos impostos se tocan e sobre todo a que contribuíntes afectaría a medida.

Resulta obvio tamén que a situación das contas públicas, a disposición dos distintos axentes económicos e a propia conxuntura condicionará o efecto dunha baixada de impostos. Pero é que ademais os partidos conservadores fan unha lectura interesada da Curva de Laffer, que xa de seu resulta unha teoría cuestionable.

A 'Curva de Laffer'

O que vén dicir a Curva de Laffer soa a obviedade: segundo Arthur Laffer, un tipo impositivo do 0% implica cero ingresos, ao igual ca un tipo impositivo do 100%. No medio, queda un intervalo de tipos impositivos que aumentan a recadación ata un punto máximo a partir do cal a recadación empeza a diminuír. Xa que logo, non sempre unha suba do tipo impositivo medio implica máis recadación; se o tipo é moi alto, subilo máis restrinxiría a actividade e seguramente os ingresos. Pero isto non quere dicir de ningún modo que calquera baixada implique un aumento dos ingresos; iso so ocorrería se os tipos impositivos estivesen elevados. Vexamos logo o nivel de imposición que existe en España, e por derivación en Galicia, onde a situación é parella, na contorna da Unión Europea.

Na gráfica que ilustra o texto obsérvase que a presión fiscal en España está 5,8 puntos por debaixo da media dos 27 países que forman a Unión Europea e presenta unha diferenza de case que 13 puntos respecto a Francia, país cunha maior capacidade recadatoria. Por debaixo de España tan só atopamos Eslovaquia, Estonia, Malta, Letonia, Lituania, Bulgaria, Romanía e Irlanda.

Se nun exercicio de absoluto simplismo, aplicásemos o criterio da Curva de Laffer aos países da UE, habería que reducir impostos posiblemente en países como Francia, Bélxica ou Dinamarca e subilos en Irlanda, España ou Polonia. 

Impostos para que?

España presentou no ano pandémico de 2020 un gasto público do 52,4% sobre PIB por un 53,1% dos países da Unión Europea. A pandemia igualou unhas cifras que nos anos anteriores amosaban diferenzas importantes. En 2019, por exemplo, a UE gastaba de media un 46,5% fronte ao 42,1% de España. Vemos no gráfico que nese ano de 2019, último anterior á Covid, España acadou uns ingresos públicos do 35,4% fronte aos 41,2% da UE. En resumo, España recadou uns seis puntos menos e gastou catro puntos menos ca os seus socios europeos. Parece lóxico: se unha economía recada menos, tamén deberá gastar menos.

A cuestión é entender para que se utilizan os impostos. En primeiro lugar, para manter as contas públicas saneadas, factor clave para a estabilidade dunha economía. España presenta unha débeda pública do 118%, unha cifra disparada que non anima a baixar impostos precisamente. Lembremos que un dos requisitos de converxencia fixados en Maastricht para ingresar no Euro era unha ratio de débeda do 60% do PIB; estamos no dobre desa cifra.

En segundo lugar, os impostos serven para prestar servizos públicos básicos para a seguridade, o benestar e a convivencia cidadá. España ten o quinto gasto en educación máis baixo da UE; en sanidade gasta un 6,6% do PIB fronte ao 9,9% de Alemaña, o 9,3% de Francia ou o 9,2% de Suecia; é o país da Unión Europea co nivel de desemprego máis elevado cunha cifra que duplica a media. Vistas as cifras anteriores, cabería preguntarse cales son, segundo o novo líder da dereita española, as partidas ás que habería que aplicar o recorte de 15.000 euros en impostos.

Non sempre unha suba do tipo impositivo medio implica máis recadación

En terceiro lugar, a política fiscal debe ter como obxectivo a redución das desigualdades sociais. Neste eido, España resulta ser o país da UE cun maior nivel de desigualdade, o cal se incrementou durante a pandemia. Este dato penoso suxire, en efecto, a necesidade de baixar os impostos nos tramos menores de rendas, que ademais sofren especialmente o aumento de carga fiscal que provoca a inflación (os ingresos tenden a aumentar co cal se pasa a un tramo superior da base impoñible sen que o poder adquisitivo real aumente).

Pero tamén implica a necesidade de incrementar os tipos impositivos ás rendas altas e ás sociedades cunha maior rendibilidade de modo que as contas públicas empecen a compensar o déficit de ingresos que padecen.

En síntese, a proposta de Feijóo de baixar impostos máis semella unha boutade dirixida a reforzar a súa posición como líder dunha dereita con moitas frontes abertas ca unha fórmula axeitada para resolver os múltiples e moi fondos problemas que a economía española presenta.

Comentarios