Entidades en defensa das linguas protestan contra a Lei do Audiovisual: "Perpetúa unha vulneración de dereitos"

Denuncian que a lei "só estabeleceu porcentaxes obrigatorias de contidos mínimos e financiamento para o español, sen ningunha indicación nin recoñecemento para as outras linguas alén da retórica baleira".
Concentración decorrida ás portas do Congreso esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Concentración decorrida ás portas do Congreso esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)

Representantes das entidades en defensa das linguas oficiais de todo o Estado —A Mesa pola Normalización Lingüística, Euskalgintzaren Kontseilua, Plataforma per la Llengua, Ómnium, ACPV, Escola Valenciana, Folc e Iniciativa Pol Asturianu— mobilizáronse na mañá desta quinta feira fronte ao Congreso, en Madrid, para denunciar que a Lei do Audiovisual, que se está a debater na Cámara, "non responde á realidade lingüística".

"Debemos ter en conta que esta lei é unha transposición da directiva da Unión Europea precisamente para dar cabida á produción europea. Deste xeito, fuxiuse da realidade lingüística europea, dando unha presenza indigna ás linguas propias do Estado. Coidamos sinceramente que se perdeu unha oportunidade para a igualdade e que a lei invisibilizará as nosas linguas nas pantallas. É máis, perpetuarase a vulneración de dereitos" afirmaron.

Neste senso, subliñaron que a devandita lei "só estabeleceu porcentaxes obrigatorias de contidos mínimos e financiamento para o español, sen ningunha indicación nin recoñecemento para outras linguas existentes no Estado español fóra da retórica baleira".

Se ben lamentan que "nesta ocasión non se cumpriron os obxectivos previstos" e que o texto "invisibiliza" galego, euskera, asturiano, català e valencià, continuarán a traballar "para crear as condicións adecuadas para vivirmos nas nosas linguas e gañaren  espazos, entre eles as pantallas".

De feito, insisten na súa "actitude proactiva" durante o proceso de elaboración da lei e acadaron logros como "incluír mínimos para todas as linguas, tanto nas cotas de catálogo das plataformas e retransmisións de TVE como no financiamento anticipado"

Na concentración participaron Marcos Maceira (A Mesa), Paul Bilbao (Kontseilua), Francesc Marco (Plataforma), Elena Jiménez (Òmnium), Daniel Condeminas (FOLC) e Iván Llera (Iniciativa Pol Asturianu), así como representantes de formacións políticas como Néstor Rego (BNG), Joan Baldoví (Compromís) ou Albert Botran (CUP).

Maceira puxo o foco en que se "perdeu" unha oportunidade, pois "non se cumpriron os obxectivos previstos e que aprobarán unha lei que invisibiliza a presenza das nosas linguas".

Néstor Rego confirmou que o BNG votará en contra desta lei porque "pode provocar un retroceso especialmente en países como a Galiza, onde temos un Goberno adicto ás privatizacións", dixo. Unha cuestión, a de privatizar, á que o deputado nacionalista considera que o texto abre a porta.

Comentarios