Núñez Feixoo, "solidario" con pobo ucraíno e "preocupado" polo futuro de Europa

A vicepresidenta terceira do Goberno e ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira, asegurou en Lugo que a subministración de enerxía está "garantida", mais alertou dun encarecemento por mor das hostilidades entre Rusia e Ucraína.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, esta cuarta feira (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feixoo, advertiu esta quinta feira que "o futuro de Europa e do mundo é preocupante", ante a intervención militar rusa na rexión do Donbass, no leste de Ucraína.

"Toda a solidariedade co pobo ucraíno e todo o respaldo á Unión Europea na defensa do legado de democracia e paz que queremos deixarlle aos nosos fillos", manifestou o presidente galego no seu perfil de Twitter.

Feixoo, no foco nacional como vía máis factíbel para solucionar a crise aberta no seu partido, desprazouse até Madrid a pasada xornada para participar na reunión de Pablo Casado cos baróns do PP en Xénova, tras o que se anunciou a convocatoria dun congreso extraordinario.

Tiña previsto voar á illa da Palma para participar na Conferencia de Presidentes esta sexta feira, mais foi cancelada por mor da crise desatada entre Rusia e Ucraína.

Prezo da enerxía

A propósito deste conflito e das súas posíbeis consecuencias, a vicepresidenta terceira e ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira, asegurou en Lugo que a subministración de enerxía está "garantida", pero alertou do encarecemento da mesma polas hostilidades entre Rusia e Ucraína.

"En España a seguridade de subministración está garantida por outras vías. Rusia non é dos nosos principais subministradores nin por tubo nin por barco. A gran capacidade de acollida de gas natural licuado nas nosas terminais de gasificación permítenos ser moi flexíbeis", explicou. E avanzou que para "o próximo mes está previsto que veñan vinte cargos" tras apuntar que no mes de febreiro se produciu o "desembarco de dous cargueiros rusos que garantiron a subministración de GNN (Gas Natural)".

Ribera advertiu da necesidade de reforzar a coordinación a nivel europeo, para acordar "onde deben descargar os cargueiros procedentes de terceiros países", subliñou.

E avisou de que "España pode verse afectada polos prezos da enerxía, en todas as súas frontes". Así, sinalou que "hoxe o barril Brendt superou os cen dólares e o gas natural nos mercados internacionais ha sufrido un incremento dun 20%". "Nós non somos alleos aos mecanismos de configuración de prezos nos mercado internacionais e isto incide nos nosos prezos enerxéticos", admitiu.

Comentarios