Alberte Blanco: "A partir de agora Rusia ten un statu quo de gran potencia que non vai abandonar"

O escritor e profesor Alberte Blanco Casal desbota facer unha lectura "simplista" do ataque ruso a Ucraína. Non pode quedar nunha mera condena á invasión rusa, advirte. En conversa con Nós Diario, asegura que Rusia non ten máis ambición militar que a de conseguir o obxectivo estratéxico de que Ucraína sexa un país neutral.
Alberte Blanco
photo_camera Alberte Blanco

Que supón o ataque de Rusia a Ucraína?

Rusia leva aguantando 30 anos e decidiu non seguir aguantando máis. Podemos estar en desacordo coas formas pero estamos ante unha realidade xeoestratéxica. O mundo ten que cambiar. Occidente non pode comportarse de forma unilateral: bombardear Iugoslavia sen o acordo da ONU, crear o estado fantasma e monicreque como o de Kosovo...

O que declarou Putin esta madrugada é que non vai ocupar Ucraína, senón procurar a rendición militar do Goberno ucraíno para favorecer unha Ucraína neutral. Coa potencia militar da que dispón neste momento trata de facerlle entender ao mundo que as regras do xogo teñen que cambiar. Teñen que ser máis amplas, multipolares até conseguir un equilibrio de forzas no planeta que poña fin a este ditame unilateral por parte da OTAN, os EUA e o Reino Unido.

O que está ocorrendo é un reaxuste estratéxico cunha guerra cirúrxica. Estase bombardeando exclusivamente instalacións militares, non cidades. Na práctica estase derrotando un exército armado por occidente até os dentes pero sen ningunha capacidade estratéxica.

Cal é o contexto desas tres décadas de aguante ás que se refire?

Rusia leva 30 anos sendo acosada pola OTAN de forma sistemática. A súa febleza debido á descomposición da URSS impedíalle tomar ningún tipo de medida a este avance inexorable da OTAN pero chegou un momento en que Rusia se reconstruíu como gran potencia e non podía seguir permitindo que a OTAN continuase coa expansión das súas fronteiras ano tras ano.

A solución pasa por un reequilibrio de forzas que se ten que producir no ámbito das grandes potencias, primeiro, para despois trasladarse á ONU, ao Fondo Monetario Internacional e ao Banco Mundial

O que Rusia se propuxo nos últimos anos foi facer entrar en razón as autoridades occidentais  intentando chegar a unha negociación plausíbel que permitise frear en seco o avance da OTAN, desmilitarizar os países que están perto da súa fronteira, no mar Negro mais os páises bálticos, por suposto Ucraína e Xeorxia, e intentar resolver o conflito do Donbass, que foi acordado na ONU no ano 2015, a través do protocolo de Minsk, onde se conveu darlle autonomía ás repúblicas de Donetsk e Luhansk, retirar as armas pesadas e materializar as resolucións da ONU.

Por que Occidente non respectou os acordos de Minsk?

Os encargados de levar adiante este acordo eran Francia Alemaña, Ucraína e Bielorrusia. Nestes sete anos non se fixo absolutamente nada. A última oportunidade que lle deron a este cuarteto foi o pasado 13 de febreiro, en Berlín, mais de aí non saíu unha folla de ruta para a aplicación deses acordos. Esa reunión foi un completo fracaso. Ucraína negouse a respectar o protocolo de Minsk e nin Francia nin Alemaña fixeron o máis mínimo por que entrase en razón. A conclusión máis plausíbel é que non se queren aplicar estes acordos, nin por parte de Ucraína nin de Occidente.

Rusia chegou á conclusión que non había outra saída que tomar medidas drásticas e estratéxicas. Recoñeceu a soberanía do Donbass, unha zona independente, de facto, desde 2015 e deulle un ultimato a Kiev para que deixase de bombardear as repúblicas e fixese unha declaración expresa de que non vai entrar na OTAN.

Por onde debe pasar a solución a este conflito?

O que quere Rusia é que se recoñeza como unha gran potencia e falar de igual a igual con Occidente e coa OTAN. Polo tanto, a solución pasa porque se recoñeza o statu quo de Rusia, que até o momento non foi máis que obxecto dun desprezo sistemático. Ten que haber un reaxuste xeopolítico a nivel internacional onde as cousas se diriman entre todos os países, sen máis unilateralismo por parte de Occidente.

O de Ucraína é a proba de que as cousas van en serio. O mundo ten que reconsiderar o que está ocorrendo. As potencias occidentais teñen que decatarse de que non é   posíbel impoñer o seu statu quo porque non teñen capacidade militar nin económica para facelo e de que teñen que renegociar o reparto de poder co resto de nacións emerxentes do planeta.

Todo o que poida ocorrer a quen lle vai prexudicar máis é a occidente, especialmente a Europa. A suba do gas, do petróleo, da luz e de todos os artigos básicos, se non se regula, vai ser terríbel

En menos de seis horas Rusia derrotou o exército ucraíno e non van entrar aí. O que pretende é unha zona neutral en Europa non adscrita a ningún tipo de bloque político-militar. Da mesma maneira que Rusia marchou na década dos 90, disolveu o Pacto de Varsovia, deixou as súas bases e marchou, vaille pedir aos EUA que faga outro tanto, que deixe as bases da OTAN en Europa e marche, para que Europa sexa un continente libre onde cadaquén tome as decisións que considere.

Non hai volta atrás? 

Estamos asistindo a un cambio histórico, un cambio no ámbito xeopolítico onde Rusia, China e outros países emerxentes van empezar a contar moito máis do que contaban até agora. No futuro, creo que non queda máis que renegociar un novo sistema de seguridade. A ONU, se quere seguir existindo terá que ser un órgano multipolar, democrático, no sentido de que deberá representar todas as sensibilidades e, polo tanto, deixar de ser un monicreque dos EUA e de Occidente.

Que poden supor as sancións con que ameaza Occidente?

Rusia esperou a ter as posibilidades técnicas e económicas adecuadas para tomar esta decisión máis aló das sancións que pidan producirse agora. Non lle van facer ningún dano. Rusia, ao igual que China, está blindada por un sistema financeiro maduro e todo o que poida ocorrer a quen lle vai prexudicar máis é a occidente, especialmente a Europa. A suba do gas, do petróleo, da luz e de todos os artigos básicos, se non se regula, vai ser terríbel. A crise en Europa vai ser moi forte. 

A única solución é negociar, atender aos requirimentos de Rusia, que pide que teñen en conta as súas necesidades e a súa opinión. A solución pasa por un reequilibrio de forzas que se ten que producir no ámbito das grandes potencias, primeiro, para despois trasladarse á ONU, ao Fondo Monetario Internacional e ao Banco Mundial. O equilibrio de forzas ten que mudar.

Rusia, ao igual que China, está blindada por un sistema financeiro maduro e todo o que poida ocorrer a quen lle vai prexudicar máis é a occidente

A situación é máis complicada do que se traslada polos medios de comunicación occidentais. Estanse ocultando as manifestacións neonazis en Kiev, as matanzas que houbo en Odessa co golpe de estado que impuxo o goberno ucraíno... Está en xogo o futuro da humanidade, de Europa. É o momento de que as organizacións de esquerda racionalicen o que está a pasar e o vexan como unha oportunidade, exixindo responsabilidades a quen durante 30 anos non fixeron nada. Non fai falla ser pro Putin, pro Rusia nin pro China, só sentido común para saber que o que vai beneficiar todos os pobos de Europa é unha multipolaridade, non a dependencia dun único polo de poder.

Comentarios