Cinco deputados do PP e dous do BNG toman posesión esta terza feira no Parlamento

Seis deputados deixaron os seus escanos tras ser elixidos alcaldes e alcaldesas após as eleccións do 28-M.

Pleno da Cámara galega. (Foto: Parlamento da Galiza)
photo_camera Pleno da Cámara galega. (Foto: Parlamento da Galiza)

Cinco novos deputados do Partido Popular (PP) e dous do Bloque Nacionalista Galego (BNG) tomarán posesión do seu escano no Pazo do Hórreo esta terza feira tras a saída doutros tantos parlamentarios. Mentres que seis deles deixaron o seu escano tras ser elixidos alcaldes e alcaldesas, outro dos cambios débese ao nomeamento da popular Sandra Vázquez como nova secretaria xeral de Igualdade, após a remodelación do Executivo galego levada a cabo por Alfonso Rueda e provocada por Alberto Núñez Feixoo desde Madrid.

Na bancada popular, tal e como detallou esta segunda feira en rolda de prensa o portavoz do PP na Cámara galega, Pedro Pui, a portavoz do PP no Concello de Monforte (comarca de Terra de Lemos), Katherinie Varela Fernández, substituirá á vilalbesa Sandra Vázquez tras o seu nomeamento como secretaria xeral de Igualdade.

Ademais, a política que ocupaba até o de agora esa responsabilidade, Susana Rodríguez Abella, volverá ao Parlamento da Galiza en substitución de Daniel Vega tras a súa elección como alcalde de Ribadeo (A Mariña).

Pola súa banda, a mariscadora Paula Mouzo, procedente de Camariñas (Terra de Soneira), relevará a José Manuel Rei Varela tras ser elixido alcalde de Ferrol. O integrante do servizo de extinción de incendios da Xunta e bombeiro forestal Anxo Rodríguez Conde entrará en lugar de Ovidio Rodeiro, que foi investido novo alcalde de Boqueixón (Compostela).

Por último, o que xa fora deputado Moisés Branco Paradelo entrará no sitio que deixa Marta Nóvoa, alcaldesa de San Cibrao das Viñas (Ourense).

Cambios no BNG

Pola súa banda, nas filas do BNG, tamén haberá dous cambios. Así, a que era alcaldesa de Ponteareas até o pasado 28 de maio, Cristina Fernández, entrará na Cámara galega para ocupar o escano que deixa Manuel Lourenzo tras ser elixido rexedor de Soutomaior (comarca de Vigo).

Ademais, o tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo, ocupará o asento que deixa María González Albert tras ser investida alcaldesa da Rúa (comarca de Valdeorras).

Comentarios