Parlamento

A oposición censura que sexa Xénova quen "cese" os conselleiros de Rueda

A remuda exprés do Goberno galego a raíz das necesidades de Núñez Feixoo e o PP estatal de cara ás eleccións do 23-X ten varias lecturas posíbeis, entre elas unha interna, en chave do Partido Popular da Galiza e con gañadores e perdedores na conformación do novo Executivo. A sesión de control ao presidente que decorreu esta cuarta feira no Parlamento pivotou, precisamente, sobre os cambios no Goberno de Alfonso Rueda. Para a oposición, unha mostra da "supeditación" que o presidente fai da Xunta aos intereses do PP español.
RUEDA PONTÓN ÁLVAREZ
photo_camera Alfonso Rueda, Ana Pontón e Luís Álvarez, esta cuarta feira, na sesión de control ao presidente. (Fotos: Parlamento da Galiza)

O BNG e o PSdeG fixeron saber esta cuarta feria a Alfonso Rueda en sede parlamentaria o seu parecer sobre a crise do Goberno galego propiciada pola 'chamada a filas' de conselleiros e conselleiras por parte do líder do PP español, Alberto Núñez Feixoo, para confeccionar as candidaturas ao 23-X, e sobre a correspondente remuda do Executivo. "É vostede un presidente tan relevante que lle cambian os conselleiros desde Madrid", dixo a portavoz do BNG, Ana Pontón, "É Xénova [sede do PP español] quen decide quen entra e quen sae" no Executivo da Xunta. O portavoz do PSdeG na Cámara, Luís Álvarez, acusou Rueda de "pór Galiza ao servizo do PP" e preguntou ao presidente se "non será mellor que Galiza opine e sexa convocada ás urnas", nunha suxestión de adianto electoral.

Rueda cargou con dureza contra os nacionalistas, aos que acusou de "traer o sanchismo á Galiza" e de "non conseguir nada" en Madrid"; ao tempo que instaba Álvarez a "tomar exemplo" de Besteiro: "Saia por  pernas cando poida (...). Por moi rápido que fose eu na remodelación do Goberno, nunca serei tan rápido como Besteiro en dicir que aquí non hai nada que facer e que hai que saír canto antes", acrecentou o presidente galego.

Rueda, ademais, cargou contra a presenza do BNG no Congreso, dicindo que "non servía para Galiza". Replicoulle Ana Pontón: "Véxoo moi enfadado señor Rueda, mesmo rabioso co BNG, e entendo que estea moi preocupado polo traballo que estamos facendo no Congreso pois cun só deputado deixamos as súas vergoñas ao aire", ironizou, "porque claro, que conseguían os dez deputados do PP en Madrid?".

Quen gaña e quen perde?

Mais a oposición tamén apuntou á remuda do Goberno como un movemento no taboleiro do mapa de diverxencias dentro do PP da Galiza. Ana Pontón acusou Rueda de non ser quen de "ter o control do seu partido" e Luís Álvarez afirmou que eses cambios "aprovéitaos para intentar resolver os graves problemas internos no PP". 

As fontes consultadas por Nós Diario apuntan a esa lectura interna, en clave do PP, da renovación do Executivo. Cos cambios no Goberno galego desta segunda feira hai gañadores e perdedores. Entre os primeiros, os nomes que máis se resaltan: Diego Calvo, ascendido a vicepresidente primeiro, e Ángeles Vázquez, nova número 3 da Xunta.

Mais é entre os 'perdedores' emerxen tamén nomes coñecidos. Un deles, o de José Manuel Baltar, que está a vivir un particular Annus horribilis que o levou onte á renunciar a presidir a Deputación de Ourense após tres décadas de baltarato. A nova conselleira de Traballo, Elena Rivo, de Ourense, estaría no sector enfrontado a Baltar. Rivo (Ourense, 1971) foi concelleira de Facenda no último mandato do alcalde do PP Manuel Cabezas na cidade, entre os anos 2003 e 2007.

Enfrontados

E do sur do país ao norte. A entrada no Executivo de Alfonso Vilares (Cervo, 1970), até o de agora alcalde de Cervo, na comarca da Mariña, como conselleiro do Mar, supón situar no Goberno un rival de Elena Candia, actual presidenta do PP lucense e vicepresidenta do Parlamento galego. Vilares apoiou en 2016 a rival de Elena Candia, Raquel Arias Rodríguez, na carreira para ocupar a Presidencia do partido na provincia.

Os desacordos e desavinzas entre ambos os dous, Candia e Vilares, non son descoñecidos nin na Mariña nin tampouco no partido a nivel provincial. Ademais, Vilares tampouco estaría na sintonía máis próxima a un dos nomes máis fortes do PP na provincial, José Manuel Balseiro, deputado no Parlamento galego desde 2005 e coordinador provincial do Partido Popular de Lugo.

Comentarios