Alfonso Rueda anuncia cinco movementos na Xunta provocados por Feixoo: cesa Conde e Quintana e ascende Calvo

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, asinará esta cuarta feira o decreto de nomeamento dos novos conselleiros e conselleiras, após o anuncio de que Rosa Quintana, ao igual que Francisco Conde, abandonará o Executivo galego. Alfonso Vilares e Elena Rivo entran en San Caetano.
De esquerda a dereita e de arriba a abaixo: Alfonso Rueda, Diego Calvo, María Ángeles Vázquez, Miguel Corgos, Ethel Vázquez, María Jesús Lourenzá, Román Rodríguez, Elena Rivo, Julio García, Fabiola García, José González e Alfonso Vilares.
photo_camera De esquerda a dereita e de arriba a abaixo: Alfonso Rueda, Diego Calvo, María Ángeles Vázquez, Miguel Corgos, Ethel Vázquez, María Jesús Lourenzá, Román Rodríguez, Elena Rivo, Julio García, Fabiola García, José González e Alfonso Vilares.

O até o de agora vicepresidente primeiro do Goberno galego, Francisco Conde, non será o único que abandone a Xunta da Galiza para ir las listas de Alberto Núñez Feixoo ao Congreso español. O Executivo anunciou na tarde desta terza feira a estrutura do novo Goberno, cuxo decreto de nomeamento asinará esta cuarta feira previsibelmente Alfonso Rueda. A Xunta informou de que tamén sairá Rosa Quintana, a conselleira do Mar e única integrante do Consello da Xunta que, xunto co propio Rueda, formaba parte do mesmo desde que o PP retornou a San Caetano en 2009. O presidente pon así fin ao último vestixio dos gobernos de Feixoo alén de el mesmo e dá comezo a unha nova etapa cos primeiros cargos que designa após acceder ao poder hai pouco máis dun ano.

 Quintana, quen está tamén previsibelmente chamada a ocupar postos de responsabilidade nun eventual Goberno de Feixoo en Madrid, será a número dous do Partido Popular na lista ao Congreso que encabeza de novo Ana Belén Vázquez por Ourense. Malia que Quintana sempre concorrera ás eleccións galegas pola circunscrición da Coruña, ir desta volta por Ourense nos comicios estatais garantiríalle un posto de confianza.

Tanto Francisco Conde como Rosa Quintana representan a facción do Goberno de Rueda que estaba máis situada no albo da polémica social nos últimos meses. Conde, coa tramitación das propostas ligadas ao programa Next Generation paralizadas, ao igual que diversas iniciativas no ámbito enerxético que inclúen a aposta por un modelo eólico 'depredador', segundo as denuncias de colectivos ecoloxistas. Quintana, pola súa parte, viuse inmersa no conflito entre bateeiros e percebeiros, cuxa parálise recruou as protestas de ambas as partes nos últimos meses, sen que a xa ex conselleira do Mar fose quen de darlle solución.

Tamén se agardan movementos na Cámara galega, pois á espera de coñecer a confección definitiva das listas si se sabe que o actual portavoz do PP, Pedro Pui, formará parte tamén da candidatura ao Congreso por Pontevedra, segundo avanzou a última hora desta terza feira a axencia Europa Press.

"Traballo e ilusión"

Alfonso Rueda valorou positivamente, a través das redes sociais, as mudanzas no seu equipo para o que resta de lexislatura. "Velaquí o novo Goberno da Galiza que será nomeado mañá [por esta cuarta feira]. Compromiso, traballo e ilusión cun só obxectivo: seguir mellorando a vida de todos os galegos. Adiante!", rezaba a mensaxe publicada.

Mentres, un comunicado do Executivo galego anunciaba a remodelación que ratifica o ascenso de Diego Calvo –que mantén a delegación de Presidencia, Xustiza e Deportes– á primeira vicepresidencia e que sitúa a até o de agora titular de Emprego, María Jesús Lourenzá, como herdeira das competencias económicas e industriais que tiña Conde. Ademais, a titular de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, María Ángeles Vázquez Mexuto, será desde esta cuarta feira vicepresidenta segunda da Xunta da Galiza, un salto no organigrama de San Caetano que non virá acompañado de novas competencias.

A remodelación de Rueda, forzada pola chamada a filas de Feixoo das persoas máis próximas á súa figura inclúe dúas caras novas: un home da súa plena confianza, Alfonso Vilares Bermúdez, que se fará cargo de Mar; e a Elena Rivo, como conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade.

Alfonso Vilares (1970) é licenciado en veterinaria, exercendo a profesión desde 1996 até 2007. Foi concelleiro do Partido Popular en Cervo (comarca da Mariña) desde o ano 2005, até que en 2007, presentándose como candidato á Alcaldía, conseguiu a maioría absoluta, un fito que revalidou en 2011, 2015, 2019 e 2023. Vilares é vicepresidente primeiro da Federación Galega de Municipios e Provincias.

Sobre o novo conselleiro do Mar escribía Rueda nas súas redes sociais o pasado 18 de maio, durante unha visita electoral ao seu municipio: "É un bo amigo que contaxia alegría e devoción por Cervo e a súa veciñanza. Con todo  o que leva loitando polo futuro da Mariña, merece seguir sendo alcalde". Unha mensaxe que deixaba patente que Vilares é home de plena confianza do presidente galego. Dolores García Caramés, a número dous da candidatura popular en Cervo o pasado 28 de maio, está chamada a asumir as súas responsabilidades á fronte do consistorio no pleno constitutivo deste sábado.

En canto a Elena Rivo (1971), licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais, foi tenente de alcalde e concelleira de Economía en Ourense entre 2003 e 2007 baixo o mandato de Manuel Cabezas. Actualmente é a vicerreitora do campus de Ourense da Universidade de Vigo. Rivo, tamén profesora e codirectora da cátedra de Empresa Familiar da UVigo, ocupará a carteira que deixa vacante Lourenzá após dar o salto a unha consellaría chave como é a que até agora ostentaba Francisco Conde.

Após transcender esta segunda feira a saída de Conde para acompañar Feixoo en Madrid, tanto BNG como PSOE cuestionaron a falta de "relevancia" do Goberno do PP en San Caetano. Para o portavoz socialista no Parlamento galego, Luís Álvarez, que sinalou o aínda conselleiro e vicepresidente como "o responsábel do austericidio e dos recortes na Galiza", este movemento é “unha mostra máis de que Rueda non pinta nada nin no seu propio partido”. Tamén a líder nacionalista, Ana Pontón, fixo fincapé na "irrelevancia política" do presidente da Xunta: "Se non é capaz de dirixir o seu partido nin é capaz de marcar os tempos no seu Executivo, menos é capaz de dirixir Galiza".


Cesamento de Rosa Quintana: a fin da conselleira 'supervivente'

"Non foi sen tempo". Así resumía esta terza feira un dirixente do sector mexilloeiro, a través dunha mensaxe de whatsapp, o seu sentir ao coñecer a nova da saída de Rosa Quintana do Goberno galego. O conflito cunha parte deste importante sector foi o último que mantivo a única persoa, con Alfonso Rueda, que levaba no cargo desde que o PP recuperou a Xunta en 2009.

Ao longo destes anos, a política do Goberno galego para co sector do mar non estivo exenta de conflitos, desde a frota de baixura até o sector do cerco; do marisqueo a percebeiros e bateeiros. Entre estes últimos —sector con representantes ben conectados co PP— houbo reiteradas peticións da súa dimisión nos últimos meses. Até agora, sobrevivira a todos os conflitos, gozando da máxima confianza de, primeiro, Alberto Núñez Feixoo, e despois, Alfonso Rueda.

"Se a tiñas de inimiga, ías aviado. Era terríbel", apunta un ex patrón maior da ría de Arousa que tivo os seus máis e os seus menos coa conselleira. Tamén tiña os seus apoios entre sectores do mar, algo que soubo xogar ben para se manter durante 14 anos nun cargo de tanto desgaste. Estivo no albo de críticas durante estes anos tamén polo que se entendía quer era unha gran proximidade aos posicionamentos de patronais como a conserveira, contra os intereses dos produtores.

Hai voces que sitúan o futuro de Rosa Quintana integrando unha lista ao Congreso nas eleccións estatais do 23-X —fálase de que concorrerá en postos de saída pola circunscrición de Ourense— ou facendo parte do equipo de máxima confianza que prepara Alberto Núñez Feixoo. En todo caso, lonxe da Consellaría que durante 14 anos gobernou con poderes plenipotenciarios.

Comentarios